Os subscritores de El Ideal Gallego, Diario de Ferrol e Diario de Bergantiños recibirán de balde nas súas casas o xornal madrileño.
O grupo La Capital, que engloba os xornais El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, Diario de Bergantiños, Diario de Arousa e Deporte Campeón, vén de chegar a un acordo co xornal madrileño ABC. Segundo puido saber Vieiros, nun prazo máximo de seis semanas, todos os subscritores dos xornais de La Capital, agás os de Diario de Arousa, van recibir nas súas casas polo mesmo prezo o outro medio. As dúas empresas estudan ampliar este mesmo ano o acordo á venda en quioscos.
ABC será así o segundo xornal estatal que aproveite redes empresariais galegas para intentar coller máis cota de mercado no noso país. En xuño de 2001, El Mundo aproveitou unha alianza con El Correo Gallego para proceder a distribución conxunta dos dous xornais ao mesmo prezo. A estratexia empresarial serviulle de inxección económica para o medio compostelán, que a cambio lle abría un mercado considerábel ao xornal de Pedro J. Ramírez.
A crise económica, que se está a traducir nunha importante caída da publicidade, está a favorecer este tipo de alianzas entre medios. De feito, os medios españois intentan aproveitar a conxuntura para intruducirse no mercado galego, historicamente copado polas empresas autóctonas. Segundo datos de OJD, ABC vendeu unha media de 7.500 exemplares diarios ao longo de 2008.