Unha jaima saharauí colocada no compostelán Parque de Estudos Galegos trata de sensibilizar estes días sobre a situación no Sáhara Occidental. Vídeo dentro.
Dar a coñecer a realidade do pobo saharauí e procurar unha reacción na sociedade galega. Estes son os obxectivos dunha iniciativa posta en marcha por Enxeñería sen Fronteiras (ESF) e que estes días recala en Santiago de Compostela. O Parque de Estudos Galegos, fronte á Facultade de Farmacia, foi o escenario escollido para a colocación dunha jaima, a vivenda na que conviven diariamente as familias no Sáhara. Esta fórmula pretende achegar a estudantes, profesores e demais membros da comunidade universitaria, ademais dos veciños de Compostela, como se desenvolve un día a día no deserto.
A historia da antiga colonia e provincia española, os seus problemas diarios, como o abastecemento de augas nos campamentos de refuxiados, ou os camiños para a ansiada autodeterminación son algúns dos temas sobre os que podemos atopar información nesta improvisada jaima. Ademais, ofrece outras actividades, como degustación de té, obradoiros que ensinan a poñer un turbante ou de henna, debates abertos, campionato de oca saharauí ou proxección de vídeos.
Vieiros quixo compartir cos organizadores a posta en marcha desta iniciativa, a colocación da jaima e falar das súas inquietudes e esperanzas para o futuro. Así, conversamos con Mohamedu Heiba, delegado do Sáhara en Galiza; con Aicha Mahfud, unha rapaza saharauí que leva un ano entre nós; con Xacobe Abel Fernández García, de Enxeñería sen Fronteiras; ou con Santiago Jiménez Gómez, coordinador do Observatorio Galego para o Sáhara Occidental. (Ver vídeo).