Repróchanlle ter tomado partido e néganse a aceptalo. Mentres, o diplomático, Peter van Walsum, di que un Sáhara independente é "inalcanzábel" e fala de negociar a autonomía.
O conflito do Sáhara volve estar estancado, 33 anos despois do abandono do Estado Español do territorio. As últimas noticias que se teñen é que a Fronte Polisaria négase a seguir negociando se o enviado persoal do secretario da ONU, o diplomático holandés Peter van Walsum, segue mediando nas xuntanzas con Marrocos.
O movemento saharauí independentista acusa a van Walsum de poñerse, máis dunha vez, do lado de Rabat (nunha intervención, a porta pechada, ante o Consello de Seguridade da ONU, e nun documento que quixo incorporar ao informe do secretario xeral da entidade, Ban Ki-moon, e que finalmente o coreano rexeitou) e recusaron asistir ás xuntanzas se o holandés, de 74 anos, segue mediando. Xa o comunicaron o pasado mes de xuño nunha entrevista no xornal madrileño El País, e agora volveron expresar a súa postura en declaracións á prensa en Alxer.
As negociacións directas entre os saharauís e Marrocos comezaron hai un ano en Manhasset, ás aforas de Nova York. A última delas desenvolveuse no marzo pasado, e a seguinte debería ser en outono.
"A independencia do Sáhara é incalcanzábel"
Ao parecer, Ban Ki-moon confirmou ao diplomático no seu cargo, e este mesmo, en declaracións a El País salientaba que vai seguir á fronte das negociacións, pois, segundo dixo, as declaracións da dirección do Polisario non poden motivar a súa dimisión, mais si unha carta do líder saharauí, Mohamed Abdelaziz, a Ban Ki-moon.
En declaracións a El País, Peter van Walsum dicía que o conflito co Polisario "é unha pena" porque el confiaba que, despois de "catro primeiras roldas estériles" nas negociacións, a quinta "brindaríanos a oportunidade de debater sobre a miña opinión: o empeño do Polisario da plena independencia afonda no bloqueo e perpetúa a statu quo", dixo, ao tempo que subliñaba que "a independencia do Sáhara Occidental non é un obxectivo que se poida acadar".
A situación do Sáhara: nin autonomía nin independencia
O Estado Español, segundo o Consello de Seguridade da ONU, segue a ser considerado como a potencia colonizadora do Sáhara Occidental, pese a que renunciou formalmente aos seus dereitos e obrigas. No informe da organización internacional sobre o Sáhara recóllese que "o 14 de novembro de 1975 España, Marrocos e Mauritania emitiron en Madrid unha declaración de principios sobre o Sáhara Occidental (o 'Acordo de Madrid'), con arranxo ao que as facultades e responsabilidades de España (...) se transferiron a unha administración temporal tripartita. O Acordo non transferiu a soberanía sobre o territorio nin conferiu a ningún dos asinantes a condición de potencia administradora (...) A transferencia da autoridade administrativa sobre o Territorio a Marrocos e Mauritania en 1975 non afectou a condición internacional do Sáhara Occidental como Territorio non autónomo".
Daquela, así seguen. Sen ser territorio autónomo e se independencia como pobo. O administrador, de facto, da meirande parte do territorio segue a ser Marrocos. O resta está controlado pola autoproclamada República Árabe Saharauí Democrática (RASD), entidade recoñecida pola Unión Africana e por 46 países no mundo, a maior parte deles africanos e latinoamericanos. A RASD non está recoñecida nin pola ONU, nin pola Liga Árabe nin por ningún país europeo ou membro permanente no Consello de Seguridade das Nacións Unidas. Por outro lado, as pretensións de Marrocos respecto á súa "integridade territorial" son apoiadas por 25 estados e pola Liga Árabe. Porén, ningún país recoñece formalmente a anexión.
O pobo saharauí está repartido en catro grandes campamentos perto de Tinduf, no sudoeste de Arxelia, onde se concentran uns 160 mil refuxiados. Por outro lado, Marrocos controla as tres cuartas partes do antigo Sáhara español, onde viven 250 mil persoas que na súa maioría non son orixinarias do territorio (menos do 20% son saharauís).