Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
MANIFESTACIÓN EN MADRID

Os produtores de leite toman as rúas para protestar pola crise de prezos

Máis de dez mil gandeiros galegos exixiron perante o Ministerio de Medio Rural medidas urxentes para afrontar a actual situación do sector.

Redacción - 13:30 16/04/2009

"Por un presente e un futuro para o sector lácteo". Este é o lema que se deixou oír este xoves en Madrid e co que milleiros de gandeiros quixeron reivindicar un plan de choque por parte do Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño (MARM) que dea resposta aos problemas que fan do momento actual o peor da historia para os produtores.

As medidas urxentes que demandan non son diferentes das que veñen facendo nos últimos meses. Carme Freire, a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG) cifra en tres as decisións que considera necesarias por parte da administración do estado: "o primeiro é garantir o prezo do leite, que debe cubrir o custe de produción e o noso traballo". Na mesma liña se manifestan dende Xóvenes Agricultores (XXAA) ou dende a Asociación Galega de Cooperativas (Agaca). O presidente desta última, Hixinio Mougán, insiste en chamar a atención sobre a actual realidade dos prezos que están a cobrar: "Os produtores están vendendo o seu leite entre 16 e 18 céntimos para a súa transformación en po, ante a falta de oferta, cando o prezo que se está pagando é de 26 céntimos".

A segunda das medidas urxentes para Freire é "que se dea marcha atrás na reforma da Política Agraria Común (PAC), de xeito que non se liberalice o mercado do leite no 2015". De feito, o SLG asegura que as actuais prácticas de dumping (comercialización de leite a prezos máis baixos que os do mercado español) obedece xa a prácticas de descontrol e proto-liberalización das importacións. Finalmente, a terceira medida urxente é evitar que se siga aumentando a produción de leite en Europa porque "xa se produce suficiente". Piden, pola contra, que se "redistribúa a cota con criterios eficientes e acordes coa realidade do sector" en troques de continuar a aumentala.

A estas demandas, o secretario xeral de XXAA, Francisco Bello, engade un cuarto: "precisamos medidas encamiñadas á refinanciamento da débeda", asegura, "tal e como está a situación, na que non podemos afrontar os custes, queremos que haxa máis vías para poder aprazar o pago dos préstamos aos que temos que facer fronte". Así, piden que se habiliten liñas deste tipo ben por parte do IGAPE, ben por parte do ICO que contribúan a soportar o difícil momento que está a atravesar o sector.

Expectativas e futuro
A concentración celebrada en Madrid perante o Ministerio foi considerada "histórica", polos seus convocantes que, unha vez máis, escenificaron a outrora perdida unión sindical. "A unión é fundamental para chegar aos nosos propósitos", dicía Xabier Iglesias, secretario de Acción Sindical de Unións Agrarias (UUAA). Con todo, o futuro albíscase complicado e os responsábeis do Ministerio de Medio Rural non moveron ficha até o momento. "Parece mentira que sexa precisamente unha ministra galega a que faga oídos xordos ás nosas propostas", afirmaba Carme Freire, ao tempo que os manifestantes coreaban: "Ministra galega, Galiza non se vende".

Con todo, Xabier Bello amosábase optimista con respecto ao resultado desta manifestación: "temos expectativas porque o Ministerio ten que ver que estamos aquí na rúa, ten que escoitarnos e sentarse a falar con nós". Neste sentido, subliñaba que "hai algunhas das medidas que pedimos que nin sequera teñen custe económico, non é máis que demostrar vontade, como é o caso de fomentar acordos coa distribución, de falar cos franceses para evitar o dumping que estamos padecendo". "Nós xa amosamos cales son os nosos problemas e cales poden ser as vías de solución".

Resposta do Ministerio
Ao remate da protesta, a secretaria xeral de Medio Rural, Alicia Villauriz, recibiu aos manifestantes, a quen lles asegurou que o goberno xa formulou á Comunidade Europea "a necesidade de activar medidas de intervención para retirar os excedentes", de xeito que esta sobreprodución non teñan influencia sobre os prezos. Explicou que o Ministerio traballa nesa liña buscando fórmulas compatíbeis coa normativa comunitaria e recordou a petición ante a Comisión Europea de que se activen medidas de intervención que poñan orde no mercado.

No referente á importación de leite foráneo, Villauriz asegurou que se tomarán decisións o vindeiro luns na xuntanza sectorial que se celebrará en Burgos. Alí acordaranse medidas conxuntas de coordinación entre as diferentes comunidades autónomas para realizar os labores de control das normas de calidade para as importacións de leite a países comunitarios. Finalmente, referiuse ao Plan Estratéxico do Sector Lácteo que recolle, segundo explicou, medidas de apoio ás explotacións por valor de 60 millóns de euros.


Ligazóns

4,5/5 (8 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



O dumping está entre os problemas actuais do sector: a comercialización de leite foráneo a prezos máis baixos que o galego
O dumping está entre os problemas actuais do sector: a comercialización de leite foráneo a prezos máis baixos que o galego
O custe de producir un litro de leite ascende a 40 céntimos, mentres se está a vender entre 20 e 30 céntimos
O custe de producir un litro de leite ascende a 40 céntimos, mentres se está a vender entre 20 e 30 céntimos
Os manifestantes berraron "Ministra galega, Galiza non se vende"
Os manifestantes berraron "Ministra galega, Galiza non se vende"
Malia que non houbo incidentes de consideración, os gandeiros fixeron ruído en Madrid. Fotos: SLG
Malia que non houbo incidentes de consideración, os gandeiros fixeron ruído en Madrid. Fotos: SLG
A secretaria de Medio Rural recibiu aos gandeiros ao remate da protesta
A secretaria de Medio Rural recibiu aos gandeiros ao remate da protesta