Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
DEREITOS DE AUTOR

Aplicar a "lei dos tres avisos" en Francia custará 40 millóns ao ano

As operadoras calcularon o custo de adaptar os seus sistemas para desconectar temporalmente de internet os clientes que descarguen contidos protexidos.

Redacción - 12:15 09/03/2009

A "lei dos tres avisos" ou "resposta gradual" que propón implantar o goberno francés para evitar as descargas ilegais na internet non vai saír de balde. Segundo o principal provedor de servizos de rede en Francia, Orange, resultará moi complicado desconectar usuarios que descarguen material protexido e manterlles, asemade, o uso do teléfono e da televisión de pago.

Orange efectuou unha estimación do que lle custaría anualmente adaptar os seus sistemas ao requirimento gobernamental: 13 millóns de euros. Este importe, sumado ao dos outros tres principais operadores franceses, ascende a 40 millóns anuais, o que supón unha media de 2,33 euros anuais por cliente de internet.

O executivo de Sarkozy pretende aprobar a normativa antes do verán. O texto prevé que as persoas que descarguen material protexido por copyright recibirán dúas mensaxes de correo electrónico de aviso. No caso de que se non se faga caso das advertencias, suspenderíase o acceso á internet por un período de entre dous meses e un ano. Nese tempo, os clientes de paquetes duplos ou triples seguirían dispoñendo de televisión e/ou teléfono.

O goberno francés di que aínda non é o momento de falar do custo económico da medida. Porén, é posíbel que os contribuíntes acaben sufragando parte ou todo o custo da resposta gradual.


2/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: