Usuarios de Virgin Media xa comezaron a recibir cartas de aviso como paso previo á política de "dous avisos e desconexión".
No Reino Unido, 800 clientes da compañía de telecomunicacións Virgin Media xa recibiron cartas de aviso de que non deben descargar música mediante redes de intercambio de arquivos, actividade que é ilegal no estado británico. Os avisos forman parte dunha campaña posta en marcha en colaboración coa BPI (industria fonográfica británica).
O organismo que representa os fabricantes de discos do Reino Unido explicoulle á BBC que prevé enviar varios miles de cartas máis nas próximas dez semanas. E non descarta levar perante os tribunais os fornecedores de servizos de internet.
A BPI quere que todas as compañías de comunicacións adopten unha política de "tres golpes", que consiste en avisar dúas veces os usuarios de redes P2P e, á terceira, desconectalos, se comparten arquivos con copyright. De momento, só Virgin Media se sumou á campaña, aínda que quixo deixar claro que a campaña é, polo momento, só "educativa" e que aínda non expulsou ningún usuario da rede. Porén, na carta enviada aos usuarios ameázaos coa desconexión, un "erro", segundo Virgin.