O Campus Noroeste da entidade educativa ofrecerá contidos académicos, unha revista dixital, filmes, documentais e información de interese.
Centro da UNED en Lugo
O Campus Noroeste da UNED, que forman as delegacións de Galiza, Asturias e León, vai poñer en marcha unha canle televisiva por internet que utilizarán os distintos centros da universidade a distancia. A televisión por IP, que propuxo a dirección do campus, terá tanto unha función informativa para o estudantado como de ferramenta formativa.
O servizo emitirá contidos por streaming, tanto en directo como en diferido, que incluirán temas académicos dos novos graos do espazo europeo e cursos de formación continua, extensión universitaria e desenvolvemento cultural. O Campus Noroeste da UNED prevé programar para o vindeiro ano máis de 100 cursos de extensión universitaria ofertados polo profesorado do Campus e da Sede Central que poderán ser seguidos polo estudantado tanto nas aulas da UNED como nas súas casas.
Outro dos contidos previstos é unha revista dixital que tratará artigos sobre ámbitos do pensamento e da cultura dirixidos á cidadanía en xeral, ademais de información de interese para o colectivo universitario. Haberá, tamén, seccións de docufórum e cinefórum, con documentais e filmes acompañados de comentarios críticos de especialistas.