O número de parados incrementouse en 5.254 persoas en relación a xaneiro, un 2,61%.
En Galiza o número de desempregados ascende xa ás 206.570 persoas
En Galiza o número de desempregados ascende xa aos 206.570, segundo informou este martes o Ministerio de Traballo e Inmigración. Esta cifra supón un incremento do 2,61% con respecto ao primeiro mes do ano e que en febreiro quedaron sen traballo 5.254 galegos, é dicir, 187,6 persoas cada día. Se estes datos os comparamos cos que rexistrabamos hai un ano, o número de parados aumentou en 44.742 persoas, unha suba do 27,6% en termos porcentuais.
Con todo, malia o crecemento continuado destas cifras de desemprego, o ritmo segue a ser máis baixo que no Estado Español, onde o desemprego medrou no mesmo período un 4,63%, a maior suba deste mes dentro da suba histórica. É máis, o número de parados xa está a piques de sumar os tres millóns e medio, logo dunha suba de 154.058 persoas que se anotaron nas oficinas do INEM neste mes de febreiro.
Por demarcacións
A provincia que rexistra un maior número de desempregados é Pontevedra (81.482 persoas e un 3,76%), seguida da Coruña (81.171, un 2,22%), Ourense (24.232, un 1,69% ) e Lugo (19.685, un 0,9%).
Por sectores
O que peor parado sae é o da industria, onde se perderon 8.231 traballos, seguido dos servizos (2.795 persoas e 2,52%), e a construción (1.126 contratos e un 3,89%). Pola contra, a volta ao rural semella ser unha solución neste tempo de crise, xa que neste último mes se xeraron un total de 29 empregos na agricultura (+0,49%)
Por idades
O tramo de idade que quedou no paro con máis frecuencia neste período foi o de maiores de 44 anos (8.656 persoas). Séguelle os que teñen entre 30 e 44 anos (5.991 persoas); entre 20 e 24 (4.309 persoas); os menores de 20 (3.039 persoas); e finalmente os que se atopan entre os 25 e os 29 anos (2.921 persoas).