Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
10 DE FEBREIRO

Gobernos de todo o mundo preocúpanse por unha internet máis segura

O acoso ao que se poden ver sometidos os menores de idade nas redes sociais centra a campaña do ano 2009.

Redacción - 09:00 10/02/2009

O 10 de febreiro conmemórase, por sexta vez, o Día por unha Internet máis Segura, impulsado pola Comisaría de Sociedade da Información e Medios da Comisión Europea, dirixida pola luxemburguesa Viviane Reding. A xornada contará con máis de 500 actividades en 50 países de todo o mundo.

O acto central terá lugar en Luxemburgo. Por iniciativa comunitaria, 17 portais líderes en redes sociais asinarán o primeiro acordo europeo para protexer menores de idade. Os usuarios poderán denunciar os posíbeis acosos na propia web social. Ademais, os perfís de menores de idade xa non serán accesíbeis dende motores de busca e non se admitirá a participación de persoas de menos de 13 anos.

Precisamente, a seguridade da xente nova nas redes sociais é o tema deste ano. O 10 de febreiro lánzase, ademais, unha campaña informativa para concienciar a poboación de 12 a 17 anos sobre os perigos que poden atopar na rede.

Por outra banda, o Parlamento e o Consello Europeo aprobaron en decembro o Programa por unha Internet máis Segura, dotado con 55 millóns de euros e que aspira a combater os contidos ilegais e as condutas daniñas que teñan como vítimas os menores, como o acoso ou o engano.

Segundo informacións da Comisión Europea, arredor dun de cada cinco alumnos sufriu algún tipo de acoso na rede. Estas porcentaxes foron aínda máis altas en Polonia (co 50%) e no Reino Unido (co 33%). Calcúlase que na UE máis de 40 millóns de persoas facían uso das redes sociais en 2008, un 35% máis ca no ano anterior. Prevese que en 2012 sexan 110 millóns.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: