Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A través da consellaría de Vivenda

A Xunta convoca axudas para reparar os danos causados polo temporal nos fogares

Política Territorial tamén estabelece a súa liña de axudas para instalacións portuarias e estradas locais, e Medio Rural para as explotacións.

Redacción - 18:49 03/02/2009
A Xunta estabelece unhas liñas de axudas para paliar os efectos do temporal, que desenvolverá cada consellaría implicada

A Xunta estabelece unhas liñas de axudas para paliar os efectos do temporal, que desenvolverá cada consellaría implicada

A Consellaría de Vivenda publicou esta terza feira no DOG unha liña de axudas destinadas a sufragar os danos causados en vivendas e instalacións complementarias polo temporal do pasado 23 de xaneiro.

Estas concederanse directamente, "por mor do interese público, social, económico e humanitario derivado das excepcionais circunstancias que concorren neste caso". A estas axudas poden acollerse os propietarios, usufrutuarios e arrendatarios das vivendas que sufrisen danos relacionados co temporal, que teñan que sufragar por si mesmos os gastos necesarios de reparación, ou de reposición. Poden solicitarse nun prazo dun mes, mais en todo caso hai que acreditar a perda irrecuperábel dalgún ben. Para coñecer a natureza destas axudas pódese consultar o Diario Oficial de Galiza na páxina correspondente.

Axudas tamén para as estradas e os portos
A Consellaría de Política Territorial tamén convocou senllas ordes de axudas para reparar danos provocados polo temporal en instalacións portuarias e estradas de ámbito local. No primeiro caso tamén van dirixidas a particulares -que teñan estabelecementos comerciais, mercantís, industriais, turísticos e deportivos situados en instalacións portuarias de titularidade autonómica-, no segundo, só aos concellos. Os interesados dispoñen dun mes de prazo para tramitar as solicitudes correspondentes. A información tamén aparece no DOG.

E axudas para a reparación dos danos causados nas explotacións agrogandeiras e nas instalacións deportivas
A Consellaría de Medio Rural tamén abriu a súa liña de axudas para os propietarios de explotacións agrícolas, gandeiras e forestais, tanto nas instalacións e edificacións propias da actividade como nas producións afectadas polo temporal, que non fosen cubertas polas medidas que puidesen adoptar outras administracións ou por calquera outra fórmula de aseguramento, público ou privado. Consulte aquí o que é preciso para acceder a estoutra liña de axudas.

Alén disto, tamén Cultura e Deporte publicou as súas axudas, destinadas a reparar os danos causados por Klaus nas instalacións deportivasde titularidade pública da Comunidade Autónoma de Galiza. Para acceder a estas subvencións hai que cumprir unha serie de requisitos que se poden consultar aquí.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: