O presidente do Goberno, Emilio Pérez Touriño, cifrou este domingo nuns 100 mil os abonados que continúan aínda sen subministración eléctrica.
O Consello da Xunta desta semana aprobará un decreto de axuda extraordinaria co obxectivo de compensar as perdas causadas polo vento nas infraestruturas públicas, administración, comercio e vivendas particulares.
Anunciouno este domingo o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, nunha entrevista á Radio Galega na cal anunciou que esta mesma semana o Goberno se porá "a traballar para preparar un decreto de urxencia" que poña en marcha medidas económicas para actuar "de xeito complementario ao Consorcio de Compensación".
Ademais, Touriño explicou que "está lexislado" que nos danos provocados por ventos superiores a 130 quilómetros por hora "ten que actuar o Consorcio de Compensación de Seguros" e, polo tanto, eses danos "serán avaliados e compensados automaticamente" ademais de pór en marcha "con carácter inmediato" a axuda extraordinaria do Decreto.
100 mil fogares sen electricidade
O presidente do Goberno cifrou nuns 100 mil os abonados que, case 40 horas despois, continúan aínda sen subministración eléctrica en Galiza, a maioría nas comarcas orientais da metade norte do país.
En concreto, Touriño explicou que unha liña de 130 kw en Burela "quedou toda partida" por culpa do temporal e nestes momentos os técnicos de Unión Fenosa e da Consellería de Industria traballan para a recuperar. "Temos tamén un problema cos transformadores de Burela e Cervo", na Mariña, sinalou.
Estado das estradas, este domingo
A rede viaria de 79 concellos resultou afectada polo vento e a chuvia na noite do sábado ao domingo, segundo os datos ofrecidos por 112 Emerxencias.
A Dirección Xeral de Tráfico, pola súa banda, recomenda precaución aos condutores que circulen pola autovía A-52 á altura da Mezquita (Viana), na CG-21 en Chantada e na LU-633 en Pedrafita (Os Ancares), dado que a baixada de temperaturas provocou nevaradas.