A escolla foi clara. Así o comentan no blog do que saíu esta iniciativa, Galicia Profunda: a 'drogha no colacao' e as 'prespitutas' marcaron para sempre Galiza.
Xosé Tojeiro acaba de ser proclamado o maior friki galego, deixando nun meritorio segundo lugar ao políglota cantautor Cañita Brava, e nun terceiro a Wladimir Dragossan, o vampiro de Pontevedra. O grande actor John Balan, definido como "un inmellorable home orquestra e un galego con alma de vaqueiro" é o cuarto clasificado nos galardóns do frikismo galaico.
A iniciativa partiu do blog Galicia Profunda.com, onde sinalan que Tojeiro é "por méritos propios o friki galego por antonomasia". Hai cousa dun mes, esta páxina creou a I Edición dos Premios "100% friki galego", e pendurou unha enquisa para que os seus lectores puidesen participar na elección. Agora, Tojeiro álzase co título co 54% dos votos recibidos, e con el leva "unha recoñecida homenaxe" coma "personaxe singular da nosa xeografía".
Famoso por protagonizar un estraño roubo
Xosé Tojeiro, veciño da vila de Cariño (Ortegal), fíxose ben famoso a causa dun vídeo que se pendurou en YouTube (a carón deste texto), tirado do programa de sucesos Código 1 que a primeira cadea de TVE emitía en 1993, e que dirixía, naquela altura, o xornalista e escritor Arturo Pérez Reverte -durou só uns poucos meses, porque o consideraba "lixo televisivo"-, a carón de Maite Pascual.
Tojeiro tiña uns cartos aforrados -fala de catro millóns de pesetas-, gardados baixo unha boneca. Un día foi mirar, e desapareceran, e, culpando á súa muller, botouna da casa. Porén, un tempo despois o home deuse de conta de que as "prespitutas" que o viñan visitar de cando en vez, poderían ser as causantes da desaparición dos cartos, e contou a súa historia na televisión. O seu vídeo é dos máis vistos na rede, hai varios grupos de fans del no Facebook, ducias de entradas nos blogs e a banda Def Con Dos mesmo incluíu a súa historia no tema Que te fagorishen, do disco Alzheimer (1994).
Touriño, elixido o "político máis peculiar"
Ademais do friki meirande, os usuarios tamén escolleron o vídeo máis impactante -gañaron os vídeos de promoción de Maldito Bastardo, seguidos de Me cagho en dios, Ghustouche, eh?, Vilingüismo e A arte do fuch fuch-; o político galego máis particular -que gañou o presidente do Goberno, Emilio Pérez Touriño; seguido do senador do PPdeG, Manuel Fraga; do ataque de risa do concelleiro de Educación da Coruña, Carlos González Garcés; o alcalde da Coruña, Xabier Losada (PSdeG), por abrazar a Torre de Hércules; o ex alcalde de Ortigueira, Antonio Campo (PPdeG), que se fixo famoso ao saír de festa por Ibiza; e o ex alcalde de Negreira, José Blanco Pazos (PPdeG), que lle profesaba gran devoción a Fraga-; e a noticia máis friki do ano -que gañou O escultor de Xamón, seguida de O demo obedece máis se lle falas galego, Os San Fermíns en Galicia son con galiñas, e A peli porno rodada na Praza do Obradoiro.
Entre todos os participantes deste peculiar concurso, Galicia Profunda sorteaba unha postal electrónica cunha montaxe na que apareza o agraciado ou agraciada con Tojeiro e unha camisola.
Un retallo do vídeo que fixo famoso a Xosé Tojeiro
Cañita Brava foi o segundo clasificado
O tema 'Paca te clavé la estaca' ('Paca, craveiche a estaca') de Wladimir Dragossan, terceiro clasificado