Touriño pídelle á factoría viguesa que aproveite ao máximo as axudas públicas para evitar "situacións traumáticas no eido laboral".
Un novo caldeiro de auga fría caeu este mércores enriba dos traballadores da fábrica viguesa de PSA Peugeot Citroën. Logo de que a dirección anunciase hai uns días o paro da súa actividade durante varias xornadas dos meses de febreiro e marzo para axustar o seu horario aos recortes de produción, o director da planta, Pierre Ianni, asegura agora que non desbota presentar un Expediente de Regulación de Emprego (ERE) temporal a partir de marzo. Subliñou que para a empresa que representa esta decisión sería "un último recurso", se ben a cualificou como "unha medida de flexibilidade máis".
"Traballamos con calendarios a curto prazo", dixo, ao tempo que adiantou que esa posíbel decisión se tomaría dentro de dous meses. Con todo, si clarificou que, chegado o caso, este sería un "ERE temporal e conxuntural", forzado pola necesidade de recortar o persoal por mor da redución de demanda.
Axudas públicas
Tamén este mercores, Ianni presentou ante o Ministerio de Industria as liñas do plan industrial plurianual de PSA Peugeot Citroën para optar ás axudas previstas para o sector. Malia que non quixo especificar a cantidade solicitada, recoñeceu que é unha cifra próxima aos 250 millóns de euros. Nesta liña pediu apoio urxente para "incentivar a venda de coches" e adiantou que "as consellerías tamén se pronunciarán sobre o xeito no que poderán complementar o achegado polo Ministerio".
Pola súa banda, o presidente da Xunta pediu á factoría viguesa que "aproveite ao máximo" o Plan Estatal da Automoción, para evitar "situacións traumáticas no eido laboral" e para "reforzar a competitividade do sector". Asegurou que a Xunta está a traballar "conxuntamente coa dirección de Citroën para afrontar as dificultades no plano inmediato". Ademais, Pérez Touriño asegurou que xa mantivo conversas co presidente do goberno, Rodríguez Zapatero, e co ministro de Industria, Miguel Sebastián, para que o sector galego "quede en boa posición".