Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
CICLISMO

O Xacobeo Galicia volverá concentrarse no Baixo Miño para abrir o ano

Os deportistas efectuaron o seu primeiro adestramento en grupo correndo 120 quilómetros de estrada.

Redacción - 12:55 03/01/2009

O Xacobeo Galicia tivo este venres o seu primeiro adestramento do ano, que consistiu nunha sesión con bicicleta sobre 120 quilómetros de estrada. Durante os primeiros días de 2009 cada ciclista seguirá programas de adestramento individualizados e non se volverán reunir até o 12 de xaneiro, para participar na habitual concentración de comezos de temporada.

A reunión terá lugar por segundo ano na comarca do Baixo Miño e estenderase até o 22 de xaneiro. A base estabelecerase, unha vez máis, na Guarda. O director do Xacobeo Galicia, Álvaro Pino, apunta que se escolleu unha "zona tranquila, con estradas sen excesivo tráfico nesta época do ano, terreo con amplos tramos chairos e con áreas de montaña tamén moi próximas", ademais de temperaturas "das máis suaves que podemos atopar en Galiza".

No primeiro adestramento de 2009, os ciclistas estiveron en contacto coa montaña. No percorrido de 120 quilómetros os corredores tiveron que ascender dous portos, aínda que non de excesiva entidade, polo que os subiron a ritmo. Máis que estas dificultades orográficas, incomodou a fina pero insistente chuvia que caeu durante todo o percorrido.

Á sesión, na que participan os ciclistas galegos do equipo, faltaron Delio Fernández e Serafín Martínez, que continúan en proceso de recuperación de cadansúa lesión, mentres que Gustavo Veloso e Gonzalo Rabuñal non completaron a totalidade do percorrido. O primeiro porque debía atender uns asuntos particulares e o de Arteixo porque era a primeira xornada de adestramento cos seus compañeiros logo das fracturas de clavícula e cóbado que sufrira, e loxicamente está aínda falto de rodaxe.


4,8/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: