O triatleta de Ordes correrá a vindeira campaña nas filas do equipo profesional de ciclismo galego.
Fontes do Xacobeo Galicia confirmaron a fichaxe de Iván Raña polo equipo para competir no ano 2009. A presentación como ciclista de Raña producirase este xoves a partir das 11.00, nun acto a celebrar na dirección xeral para o Deporte.
Raña, que cumprirá os 30 anos o vindeiro mes de xullo, non se vai ver sorprendido polas exixencias da alta competición. O de Ordes ten como aval unha longa experiencia competindo a primeiro nivel mundial no mundo do triatlón, con títulos como: un campionato mundial, un campionato de Europa, varios campionatos estatais, vitorias en diferentes carreiras da BG Copa do Mundo e dous diplomas olímpicos en tres Xogos Olímpicos disputados. Das tres partes que compoñen o triatlón a bicicleta foi sempre que máis lle gustou ao ordense, que tivo anos atrás as primeiras tomas de contacto co mundo afeccionado xunto aos corredores do Froiz.
O Xacobeo faise cunha figura de importante repercusión mediática, mais agora falta ver como se adaptará á nova disciplina deportiva. O ordense ten expresado en público a súa concepción idealista do deporte, unha visión da preparación baseada en sensacións e vontades. A gran incógnita será agora ver como consegue adaptar esa forma de traballar a un deporte de equipo onde as duras rutinas son un elemento imprescindíbel.
Sairemos de dúbidas nuns meses, coa ilusión de que Raña consiga rendibilizar no ciclismo as súas potencialidades físicas. Para isto, igual que durante o resto da súa carreira, a motivación será un factor fundamental para un deportista tan temperamental como é o bravo triatleta de Ordes. Vieiros sabe de primeira man que a ilusión de Raña por probar na estrada é o principal motivo do matrimonio que se oficializará este xoves en Compostela, polo que só queda agardar unha boa adaptación ao novo deporte, xa que con Álvaro Pino ao carón non hai dúbidas de que Iván estará ben dirixido.