O exército israelí permitirá a saída de estranxeiros da Faixa, o que se ve como un posíbel signo dun endurecemento da violencia.
A campaña de bombardeamentos de Israel contra a Faixa de Gaza chegou este venres ao seu sétimo día consecutivo. O balance provisional é de cando menos 420 mortos e 2.100 feridos, segundo a axencia palestina de noticias Maan.
Na noite da quinta á sexta feira continuaron os bombardeamentos, dirixidos principalmente contra áreas residenciais, segundo a axencia. Un palestino, Foad al Matuq, morreu e catro persoas resultaron feridas a mañá do venres a causa do impacto de mísiles israelís contra unha vivenda baleira no campo de refuxiados de Xabalia, ao norte de Gaza. O obxectivo do ataque era a casa de Nabil Matuq, irmán do falecido.
A primeira hora da mañá, varios mísiles acadaron as vivendas de dos membros de Hamás no campo de refuxiados de Al Bureix, preto de Gaza. As casas quedaron totalmente destruídas, como outros edificios veciños. Unha das vivendas pertencíalle a Xamal Al Durrah, pai de Muhammad Ad Durrah, que morreu en setembro de 2000 aos 12 anos de idade e se converteu nunha das imaxes da última Intifada.
Evacuación de estranxeiros
Israel anunciou que permitirá que 443 estranxeiros que viven en Gaza saian do territorio. Moitos dos residentes estranxeiros con cónxuxes de palestinos e dos seus fillos. O anuncio israelí vese como unha posíbel preparación para un novo endurecemento dos ataques.
Peter Lerner, enlace militar israelí, dixo que entre as persoas ás que se lles permitirá a saída están estadounidenses, rusos, moldavos, ucraínos, turcos e noruegueses. O paso frointeirizo de Erez quedará aberto o sábado á mañá con este fin, aínda que Lerner dixo que "non todos os estranxeiros marchan neste tipo de situacións".
Algúns dos estranxeiros ficarán en Gaza para enviar información do que está a acontecer, segundo nos informa Moncho Iglesias. Ademais, os avións están a lanzar panfletos convidando os palestinos a que chamen a un número de teléfono ou manden correos electrónicos para acusar aqueles que están mandando foguetes contra Israel.