Cando menos dez persoas morreron e 40 resultaron feridas nos ataques deste martes á mañá.
Tropas aéreas e navais israelís atacaron á primeira hora deste martes ducias de obxectivos en Gaza, entre estes edificios do goberno, un campo de adestramento militar de Hamas e unha construción da Universidade Islámica, segundo informaron fontes do Exército e testemuñas. Os xornalistas teñen vetado o acceso á zona.
Cando menos dez persoas morreron e 40 resultaron feridas neses ataques, segundo indicaron fontes médicas. O número de mortos dende o inicio da ofensiva militar é de máis de 350 (catro do bando israelí), e hai case dous mil feridos. Os hospitais de Gaza están saturados e precisan con urxencia de equipamento médico.
O ministro do Interior israelí, Meir Sheetrit, rexeitou calquera tregua con Hamas, e anunciou que están preparados para atacar "durante semanas". "Non hai lugar para o cesamento do fogo. O goberno está empeñado en eliminar a ameaza dos ataques lanzados contra o sur", manifestou, en referencia aos foguetes Qassam, disparados por milicianos dende a fronteira norte de Gaza.