Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Reaccións ao ataque israelí sobre Gaza

"Que faría Galiza se a diario bombardeasen Vigo dende Portugal?"

Falamos con Abel García, da Asociación Galega de Amizade con Israel. Tamén, con Xoán Gabeiras, de Galiza por Palestina, que fala dunha "aniquilación sistemática" do pobo palestino.

Fernando Arrizado - 13:30 29/12/2008
Máis de medio cento de civís morreron nos ataques

Máis de medio cento de civís morreron nos ataques

Os ataques aéreos do Exército israelí sobre Gaza continúan por terceiro día consecutivo, e xa causaron a morte de arredor de 300 persoas. A Axencia de Nacións Unidas para os Refuxiados de Palestina en Oriente Próximo (UNRWA, en inglés) calcula que 51 dos finados son civís, aínda que recoñece que a cifra é "conservadora" e que con seguridade, "medrará". Israel despexou este luns a zona ante unha inminente incursión por terra.

O goberno israelí defende a súa actuación. Cualifica de intolerábel o lanzamento diario de foguetes por parte de milicianos de Hamas, e culpa a organización islámica que rexe en Gaza -ao igual que Mahmoud Abbas, presidente da Autoridade Palestina, que controla Cisxordania e coa que está enfrontada- da actual situación.

Porén, numerosas voces en todo o mundo critican a resposta desproporcionada, e hai quen fala de ataque premeditado contra a poboación civil. Falamos con Xoán Gabeiras, presidente da asociación de Galiza por Palestina (GxP), e con Abel García, membro da Asociación Galega de Amizade con Israel (AGAI) e máximo representante de Tarbut Sefarad en Ferrol.



  • Xoán Gabeiras (GxP): "O ataque ten unha clara connotación política"

Vieiros
: Como se chega a esta situación e que valoración fai dos últimos acontecementos?

X.G.: O ataque destes días é brutal e espectacular mais forma parte da política normal do Estado de Israel. Falan da rotura da tregua por parte de Hamas, mais esquecen que o día das eleccións en Estados Unidos morreron seis palestinos logo dun ataque israelí. Agora tamén se bombardeou a Universidade Islámica, á hora de saíren os estudantes, e os mercados cando máis xente había neles. Isto vén a demostrar que hai un ataque premeditado contra a poboación civil.

Israel argumenta que é unha resposta lexítima aos ataques diarios con foguetes...

A potencia dos foguetes Qassam é moi baixa. É ridículo comparar. Isto non é unha confrontación entre dous exércitos. Trátase dunha política sistemática de aniquilación do pobo palestino, e como este segue a aguantar en Gaza malia todo, dedícanse a facerlles a vida imposíbel. As máquinas que se ven na televisión para derrubar casas levan ganchos para esnaquizar o sistema de sumidoiros e o eléctrico.

Que cre que sucederá nun futuro inmediato e como responderá a comunidade internacional?

Israel vai entrar e desfacer as infraestruturas que aínda quedan, pero van saír rápido porque saben que se fican van ter moitas baixas, unha circunstancia moi negativa de cara ás eleccións (lexislativas do 10 de febreiro próximo). O ataque ten unha clara connotación política neste senso.

Respecto á comunidade internacional, con EUA están tranquilos tendo en conta que Hillary Clinton, firme aliada do Estado de Israel, será a representante da política exterior de Obama. A UE fai o de sempre, responde á voz do seu amo americano, e condena por igual o ocupante e o ocupado: o 63% do comercio israelí e coa UE, e o goberno español asinou programas multimillonarios armamentísticos con Israel. E na comunidade árabe teñen moi claro o que está a pasar. É como aquí que o 99% dos cidadáns apoian os saharauís mais o goberno fai o contrario. Tanto Marrocos como Exipto son gobernos baixo influencia de EUA, gobernados por ditadores.



  • Abel García (AGAI): "O propio Abbas, presidente da ANP, culpa a Hamas"

Vieiros
: Como se chega a esta situación e que valoración fai dos últimos acontecementos?

A.G.
: Eu remítome á opinión de Abbas, presidente da ANP, que curiosamente nos medios saen nas últimas liñas das informacións, e que culpa a Hamas da situación. Hamas é unha organización terrorista islámica, que como Hisbulá e Irán, só busca a desaparición do Estado de Israel, e que non entende outra linguaxe. Os xenerais exipcios acaban de declarar que está impedindo que os feridos pasen a fronteira para que se contabilicen máis mortos...

Visto de primeira man vese que é unha resposta dura, pero dende que Israel marchou de Gaza, co custo político para o goberno daquelas de Ariel Sharon, a violencia aumentou. Os foguetes Qassam non son de gran potencia, pero seguen matando xente. Ningún país democrático pode permitir esta ameaza constante. Eu pregúntome: que fariamos en Galiza se un grupo en Portugal bombardease diariamente Vigo e outras zonas do sur do país?.

Israel argumenta que Hamas rompeu a tregua, mais tamén houbo ataques mortíferos do Exército israelí con anterioridade. Por outra banda, hai quen considera que o ataque actual ten que ver coas inminentes eleccións ao parlamento israelí...

Os ataques de Israel foron pequenos. O primeiro ministro israelí, Ehud Olmert, fixo unha declaración destinada aos palestinos, onde aseguraba que non hai ningunha intención de matar civís nin de impedir o paso de alimentos e de medicinas.

Respecto ás eleccións, é certo que coincide, pero penso que non ten relación. Para Israel, aínda que poida parecer o contrario non é unha situación agradábel. Non celebran na rúa as mortes de palestinos tal e como se fai ao revés. O goberno sabe que o ataque pon a opinión pública mundial na súa contra. Coido que é algo meditado dende hai moito tempo.

Que cre que sucederá nun futuro inmediato e como responderá a comunidade internacional?

A operación vai ser longa e haberá unha incursión por terra. Buscarase un ataque con contundencia co fin de que Hamas mude de opinión. Isto é un conflito bélico, unha guerra. Non se pode dicir como, se di nos medios, que Gaza este arrasada. Hai zonas concretas. O certo é que Israel non ten estes problemas con Xordania, con quen están tratando de chegar a acordos de paz. Tampouco hai ese problema de violencia en Cisxordania, dentro do conflito existente.

O que está claro é que Israel despois de 60 anos de guerra, acosado por todos os lados, quere chegar a un acordo de paz, aínda que tamén é verdade que a ANP, enfrontada con Hamas, está a refregar as mans. Eu persoalmente lamento a morte de calquera persoa. É triste que teña que morrer xente, pero haise que ver na situación. Hai conflitos en que as mortes son imposíbeis de evitar.



  • Datas relevantes

19 de xuño: O goberno de Gaza, controlado por Hamas, e o de Israel asinan unha tregua de seis meses, auspiciada por Exipto.


4 de novembro:
Coincidindo coas eleccións presidenciais en Estados Unidos, o Exército israelí lanza un ataque sobre territorio palestino. Concretamente, o seu obxectivo é a rede de túneles que Hamas usa para o abastecemento de armamento, mais tamén para conseguir alimentos e medicinas aos que a poboación non ten acceso debido ao bloqueo imposto por Israel (e por Exipto, de conformidade co mandato internacional).


19 de decembro: Expira a tregua. Hamas acusa o Estado israelí de que non se reedite, e inicia o lanzamento diario de foguetes Qassam sobre o territorio fronteirizo controlado por Israel.

27 de decembro:
Israel bombardea Gaza, no ataque máis destrutivo dende a Guerra dos Seis Días, en 1967. O goberno asegura que o obxectivo son campos de adestramento militar de Hamas así como outras infraestruturas da organización. No entanto, o número de civís mortos é moi elevado. Os proxectís tamén caen sobre a Universidade Islámica. Mentres, o Exército israelí prepárase para un ataque terrestre.


2009, 10 de febreiro: Eleccións ao parlamento de Israel.


4,13/5 (15 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: