Asegura que a súa decisión non estará vencellada co triunfo de Ignacio Fernández Toxo no IX Congreso Confederal de CCOO.
Quedan dous meses e medio para que se abra o proceso de renovación dos responsábeis de Comisións Obreiras (CCOO) en Galiza. Mentres, o actual secretario xeral, Xan María Castro, asegura que aínda non ten decidido se optará a un terceiro mandato e adianta que será unha decisión que tomará nos vindeiros días, "a medida que se vaia aproximando o congreso".
Con todo, Castro desvencellou a súa candidatura do acontecido no IX Congreso Confederal de CCOO, onde os delegados galegos prestaron o seu apoio a José María Fidalgo, quen finalmente perdeu o envite con Ignacio Fernández Toxo. "Non debería influír nin xerar ningunha interferencia co que suceda en Galiza", di Castro, quen ademais defende que "temos un proxecto ben definido".
Valoración dos resultados
Con respecto ao novo secreatrio xeral, Castro solicitou "que defina o seu proxecto" e mesmo falou de "ter percibido dous discursos moi distintos" entre o momento no que se presentou a candidatura até a clausura do Congreso. Finalmente, malia recoñecer diferenzas entre os posicionamentos de Toxo e Fidalgo, asegura que ningún dos dous é mais duro que o outro.