A iniciativa pacifista terá este ano un horario máis preciso: entre as 12 e as 14 horas do domingo 21.
Por terceiro ano consecutivo, o día do solsticio de inverno a humanidade está convocada a experimentar un orgasmo mundial pola paz. O domingo 21, unha parella de pacifistas californianos pretende que celebremos o Día Mundial do Orgasmo para xerar enerxía positiva e boas vibracións.
Na web da iniciativa dise que este ano o día do "O Global" será o día do "Factor OOObama", en confianza de que o novo presidente dos EUA arranxe o dano feito sobre o planeta, grazas á onda de "enerxía positiva enviada ao campo cuántico da Terra".
Donna Sheehan e Paul Reffell fan un chamamento para que se sincronicen o maior número de orgasmos simultáneos posíbeis e, de paso, pensar na paz no mundo. En anteriores convocatorias non había unha hora concreta para experimentar ese feliz momento, pero este domingo haberá que poñer as alarmas para arredor das 13:04, momento exacto do solsticio, cunha marxe dunha hora antes ou despois.
Na rede social Facebook creáronse varios grupos dedicados ao evento, aínda que polo de agora non conseguiron recrutar demasiados usuarios.