Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
EN CHILE

Un museo honra a memoria de Pinochet

A instalación, que custou 23 mil dólares, xerou un debate no país sobre como debería ser recordado o ditador.

Redacción - 18:20 16/12/2008

Un sable, uniformes, fotografías, condecoracións... O museo de Pinochet, que se inaugurou este luns na capital chilena, ofrece un amplo abano de variados recordos do ditador. A mostra tamén recolle a súa colección de soldadiños de chumbo, coa que se entretía, materiais militares en miniatura ou os rostros esculpidos en bronce de Pinochet e os outros tres xefes militares que o secundaron no golpe militar que o levou ao poder en 1973.

A instalación é obra da Fundación Augusto Pinochet e custou o equivalente a uns 23 mil dólares, recadados por achegas particulares a xeito de doazóns. O obxectivo deste museo, creado por partidarios do xeneral, é o de "difundir a súa obra", segundo se deixou claro na súa inauguración. A súa viúva, Lucía Hiriart, amosouse satisfeita e dixo estar feliz de que "os chilenos que o desexen poidan ver as cousas que lle regalaban a cambio das cousas importantes que fixo, e pola simpatía que espertaba".

Polémica imaxe do ditador
O debate sobre a conveniencia de adicarlle un museo ao ditador e sobre a imaxe que del se transmite está servido na capital chilena. Son moitos os que dubidan da utilidade de amosar a boina militar de Pinochet ou os agasallos que recibía de persoeiros como os presidentes estadounidenses Richard Nixon e Ronald Reagan. De feito, as críticas xurdiron en diferentes sectores, fundamentalmente en colectivos que denuncian as violacións dos dereitos humanos.

Con todo, as visitas xa comezaron e o director da Fundación Pinochet, o xeneral Luis Cortés, asegura que "poderá vir quen o desexe, tanto amigos como adversarios, sempre que o fagan co debido respecto". Neste sentido, mesmo houbo quen viu neste museo a ocasión de aceptar o escuro pasado de Chile. Así opinou Pedro Matta, arrestado e torturado no 75 en Villa Grimaldi, quen considerou esta inauguración "algo positivo". Pola contra, o senador socialista Jaime Naranjo asegurou que este é un "museo do horror".

Estímase que uns tres milleiros de opoñentes políticos foron asasinados ou desapareceron durante os 17 anos de Pinochet no poder. Outros milleiros foron torturados ou tiveron que exiliarse. O ditador foi acusado por crimes de lesa humanidade, malia que non chegou a ser xulgado até a súa morte en 2006.


Ligazóns

5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: