Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
"Evitar unha segunda Cuba en América"

EUA interviu directamente contra Allende pola obsesión de Nixon con Castro

Henry Kissinger confesa nun documental que o presidente estadounidense cría que perdera as eleccións do 60 por culpa de Fidel.

Redacción - 12:16 19/10/2008

Para Richard Nixon, presidente de EUA entre 1969 e 1974, "o fenómeno Castro (Fidel, primeiro ministro de Cuba) era unha cuestión moi emocional. Cría que perdera as eleccións presidenciais de 1960 e tamén os comicios a gobernador de California (en 1962) por culpa de Castro".

As declaracións son de Henry Kissinger, daquelas conselleiro de Seguridade do goberno estadounidense. O cineasta alemán Stefan Lamby recólleas no documental Henry Kissinger - Geheimnisse einer Supermacht (Henry Kissinger, segredos dunha superpotencia), estreado esta semana na canle de televisión franco-xermana Arte, segundo informa a axencia de noticias DPA.

"Evitar na figura de Allende (Salvador, presidente de Chile) un segundo Castro foi unha obsesión para Nixon; ese tema preocupáballe moito máis que calquera outro", di Kissinger. Converteuse nun "pesadelo persoal", engade o galardoado co Premio Nobel da Paz o mesmo ano do golpe militar de Pinochet.

"Accións encubertas a través da CIA"

Ademais, varios funcionarios daquela administración sosteñen no filme que o goberno de EUA interviu directamente contra o goberno de Allende porque, afirman, "era un axente pagado pola KGB". Un destes é Alexander Haig, xefe de gabinete de Nixon que despois sería xefe da OTAN e secretario de Estado do goberno de Ronald Reagan.

Haig relata como EUA organizou "unha serie de accións encubertas a través da CIA, similares a outras previas en Latinoamérica, que tiveran moito éxito baixo administracións anteriores, por exemplo evitando a chegada ao poder dos comunistas en Brasil e Guatemala".

Porén, Kissinger afirma no documental que "persoalmente non tivo ningún plan" contra o goberno socialista de Allende. "Nixon daba ordes directas aos servizos de intelixencia, as que eu por suposto non me opuña", confesa o que logo tamén sería secretario de Estado.

"Igual que Kennedy e Johnson"
No entanto, tamén recoñece que "era importante facer algo, porque en 1962 xa vimos como os rusos instalaron mísiles en Cuba e unha base para submarinos en Cienfuegos. En Arxentina había practicamente unha guerra civil. Non foi un invento de Nixon, os presidentes Kennedy e Johnson tamén practicaron esta política".

Por outra banda, o documental de Stefan Lamby analiza o papel de Kissinger na guerra de Vietnam, e a súa influencia como asesor do presidente George W Bush.


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: