O Executivo elaborou o texto, que aprobará esta semana, logo das críticas recibidas da ONU polo seu fracaso continuado en previr a tortura.
O pasado luns, a Coordenadora para a Prevención da Tortura (CPT), integrada por 44 colectivos de todo o Estado -entre outros, o galego Esculca-, remitiulle ao goberno español un documento cos seus comentarios ao Proxecto do 'Plan Nacional de Dereitos Humanos', que será aprobado este venres en Consello de Ministros.
A CPT critica que o texto, elaborado pola Vicepresidencia, é "máis un agregado de propostas que xa están en marcha ca unha estratexia integral e coherente de promoción dos dereitos humanos". Considera, ademais, que semella "máis unha ferramenta case represiva-penal que un elemento de educación e reforzo dos Dereitos Humanos".
A importancia do documento, sinalan, vén dada tanto "pola seriedade da análise que ofrece" como "polas eivas que revela do proceso de elaboración da proposta gobernamental". Dende a CPT quéixanse de que para a súa composición "non se contou, ou contouse de maneira parcial e tardía, con o imprescindíbel concurso da sociedade civil" e de que non se puxo "o coidado que requiría".
"Non hai que ser especialista para ver as fraquezas e lagoas desta proposta, elaborada por unha alta institución do Estado", afirman. O goberno español comezou a elaborar o plan, que estaba previsto que fose presentado internacionalmente esta cuarta feira con motivo do 60º aniversario da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, logo das críticas recibidas en outubro por parte da ONU debido ao seu fracaso continuado para previr a tortura.