Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
POLÉMICA EN MONDOÑEDO

Cámbiase monumento natural por un posto laboral con telemando

Os veciños e o consistorio mindoniense opóñense á construción dunha minicentral na Fervenza do río Tronceda mais as expropiacións xa son unha realidade. Vexan o vídeo no interior.

A. Rodríguez (texto) / Isabel G. Couso (vídeo) - 17:30 10/12/2008
Un detalle da poza que se fai ao paso do río Tronceda na zona da Fervenza / Imaxe: Xosé Chao

Un detalle da poza que se fai ao paso do río Tronceda na zona da Fervenza / Imaxe: Xosé Chao

Mondoñedo é unha cidade situada na Mariña Central, a terceira por número de habitantes nesta comarca do norte de Lugo, por detrás de Foz e Burela. Foi capital dunha das sete provincias do Reino de Galiza, até 1833.

Cando vas á Galipedia, na procura dun pouco máis de información, les que, ademais de polos seus monumentos -como a Catedral, a Ponte do Pasatempo, onde quedou retido o indulto a Pardo de Cela, ou o vello Hospital de San Paulo-, Mondoñedo "tamén destaca polos seus atractivos naturais", entre os que se salientan a Cova do Rei Cintolo (na Parroquia de Argomoso, a meirande cova de Galiza), o Salto do Coro, formado polo río Valiñadares; e os saltos naturais d'A Fervenza, formados polo río Tronceda, afluente do Masma, que agora se ven ameazados pola construción dunha minicentral.

Dúas horas e pouco de viaxe; chegamos de Compostela a Mondoñedo e aparcamos directamente na Praza da Catedral. Esaxerando, se cadra, un chisquiño e sen facer estudos previos, debe ser a única cidade do mundo, cun monumento semellante, que emprega como enorme aparcadoiro unha praza de pedra na que se sitúa unha construción do século XIII. Excepto quintas feiras e domingo, que seica hai mercado, cando é ocupada polos postos dos comerciantes, ou o día do Mercado Medieval -o segundo sábado de agosto-, o resto dos días do ano esta praza é o aparcadoiro meirande da cidade.

Arrodeado por sete montes, o Val de Brea, onde medrou esta vila, ten unha enorme beleza. Aínda que chova ou que a humidade se meta nos ósos, e os eucaliptos escurezan os montes, segue a ser unha contorna natural única. Única é a contorna, pero os de sempre os perigos que a ameazan; como a coitelada da chamada Autovía do Cantábrico -que, estrañamente se introduce cara dentro, querendo chegar a Vilalba e afastándose quilómetros inexplicábeis do Mar Cantábrico, rente ao que debería discorrer-; os centos de aeroxeradores; as louseiras que lle arrincan, a ceo aberto, as súas entrañas á terra; e, unha outra vez, as minicentrais, e dentro destas, aquelas que se han construír, aínda tendo aparellados uns estudos ambientais obsoletos.

As ameazas sociais e ambientais da minicentralización
Hai dez anos que se fixeron os primeiros estudos ambientais para o proxecto dunha minicentral no río Tronceda, ao seu paso pola parroquia de Viloalle, que baixa do monte e tropeza xa con dúas destas estacións. Esta minicentral vaise construír na mesma, e en poucos meses, xa que se comezou a pasada semana coas expropiacións. Mentres o Goberno paraliza outros proxectos coma este, o do río Tronceda segue adiante, baseándose nuns estudos ambientais do ano 1998. A iniciativa contou coa beizón da Xunta, con informes favorábeis da Consellaría de Política Territorial e a Consellaría de Medio Ambiente, que permitiron continuar coa minicentral malia as alegacións presentadas. De feito, e máis dun ano despois de chegaren queixas contra da minicentral, enviadas por asociacións, particulares e polo propio Concello, Augas de Galicia non respondeu aínda a ningunha das alegacións. Meses antes este ente dependente da Consellaría de Medio Ambiente considerou "innecesario" facer un novo estudo da zona, sen ter en conta os cambios na lexislación ambiental que se puidesen dar durante unha década. Como xa hai outras centrais no río, a fauna foi afectada considerabelmente, "sobre todo os anfibios", contou Xosé Chao, membro de Adega A Mariña e veciño de Mondoñedo.

"Nin sequera se pode dicir que lle traia emprego a Mondoñedo, porque ninguén vai traballar nela, xa que se controla cun telemando", sinalou Chao, mentres lembraba que a zona recreativa da Fervenza, onde o río cae e fai unha enorme poza, vai quedar case sen auga, así como as pías naturais na que veciños e turistas se bañan no verán. Cando non había piscina municipal -agora haina, a carón do pavillón-, os veciños ían en excursión cara a zona d'A Fervenza nos días máis calor do verán. Igual que se ía á praia a Foz, nun autobús vello e fervendo, con cestas de comida e unha botella de gasosa Casba -que, por certo, se fabricaba hai décadas en Viloalle-, tamén se subía cara os saltos do Troncedo -e aínda se sobe-, polos camiños do monte, fuxindo das avésporas, que viñan á comida e ao viño.

Os veciños e o Concello en contra do proxecto
Tampouco está de acordo coa construción da minicentral a corporación municipal mindoniense en pleno, así como tamén a oposición do PPdeG. Porén, os veciños pensan que se debera ter "pelexado máis dende o Concello" para parar o proxecto. "Poderíanse ter feito máis cousas, e o Concello debería terse movido neste sentido. Agora hai un ambiente pesimista entre as asociacións e os veciños que están en contra da minicentral que non debera ser tal, porque non está todo perdido", dixo Chao.

Mais, aínda que é certo que os veciños e veciñas de Mondoñedo non se manifestaron, polo de agora, con forza, contra o proxecto, a idea de que lles vaian destruír un lugar tan necesario non é do seu agrado. Pero hai outras opinións, a de aqueles veciños que xa cobraron polas expropiacións, e aqueles que venderon, e que non saben ou non lles importa se a cantidade da auga vai diminuír considerabelmente, se a zona vai ser pechada, para que non se acheguen á central, se o río deixa de ter troitas, se a lama lles chega a pé da porta... Estes veciños, ás veces, tampouco se preguntan se aquel aeroxerador, plantado no monte que venderon por menos do que valía, lles podería dar luz á súa casa e máis á do lado, pero que perde a súa enerxía polos cables quilométricos que chegan a Castela e a Asturias; ou se aquelas leiras que venderon, que lles daban quilos de patacas, están mellor nas mans dun empresario da lousa, que abre a terra a base de explosivos, e fende, con catro máquinas de ferro, unha aldea na que cada vez viven menos persoas.

Outra minicentral no río Figueiras
Ademais da minicentral que han construír no río Tronceda, tamén hai unha proxectada para o río Figueiras, nunha contorna aínda libre destas estacións. De difícil acceso, este río consérvase en boas condicións ambientais, e nel viven, tendo o seu hábitat intacto, especies como a troita, o salmón, o reo e a anguía, a píntega rabilonga, o sapiño troiteiro, a ra patilonga, ou a lontra e varias aves dependentes das augas fluviais. A concesión desta explotación é de 2002, mais o seu estudo ambiental é de 1996. Acontece o mesmo que coa Fervenza, mais desta volta nunha zona de augas limpas, que baixan da montaña sen que ninguén lles puxese aínda ningún atranco de cemento.

Seguimento en Vieiros
Para saber un bocado do que foron as protestas de asociacións, ecoloxistas e veciños contra as dúas minicentrais que se pretenden construír no concello de Mondoñedo, pódense visitar as seguintes informacións.


4,87/5 (15 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Os problemas da minicentralización en Mondoñedo

Unha fermosa imaxe da Catedral de Mondoñedo e da figura de Álvaro Cunqueiro que a olla ao lonxe / Flicrk: Emalaith
Unha fermosa imaxe da Catedral de Mondoñedo e da figura de Álvaro Cunqueiro que a olla ao lonxe / Flicrk: Emalaith
A Fonte Vella, un dos moitos monumentos de Mondoñedo / Flickr: indocopleustes
A Fonte Vella, un dos moitos monumentos de Mondoñedo / Flickr: indocopleustes
O meirande aparcadoiro de Mondoñedo, a praza da Catedral / Flicrk: jandercito
O meirande aparcadoiro de Mondoñedo, a praza da Catedral / Flicrk: jandercito
O val de Mondoñedo / Flicrk: FreeCat
O val de Mondoñedo / Flicrk: FreeCat
A Parroquia de Viloalle, onde está A Fervenza, arrodeada de eucaliptos / Flickr: mondonedolugo
A Parroquia de Viloalle, onde está A Fervenza, arrodeada de eucaliptos / Flickr: mondonedolugo
A Fervenza / Imaxe: Xosé Chao
A Fervenza / Imaxe: Xosé Chao
O merendeiro d'A Fervenza / Flicrk: mondonedolugo
O merendeiro d'A Fervenza / Flicrk: mondonedolugo
Aeroxeradores, nun monte de Mondoñedo / Flickr: fasolasi
Aeroxeradores, nun monte de Mondoñedo / Flickr: fasolasi