Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
non autorizar máis aproveitamentos hidroeléctricos nos ríos galegos

As minicentrais hidroeléctricas: un pesadelo que non cesa

Malia á suspensión en 2005 da concesión de 32 aproveitamentos hidroeléctricos e á aprobación da ILP en Defensa dos Ríos no 2006, son aínda moitas as minicentrais que amezan a vida dos nosos ríos. As concesións feitas na era Fraga poden efeitivizarse en calquera momento, xa que abonda con meter unha pá no río nos dous anos seguintes á concesión para validar o "comezo" das obras, podendo logo demorarse sine die. Esta trécola permite que as empresas, moitas delas sen capacidade económica, teñan aferrollados numerosos treitos de ríos para especular cos aproveitamentos.

ADEGA - 01:47 22/09/2007
Tags:

A maiores, nestes intres atópase en revisión o Plano Sectorial Hidroeléctrico para adatalo á Directiva Marco da Auga (2001/42/CE) e ao fixado pola Lei de Defensa dos Ríos Galegos (Lei 5/2006). A este respeito, alén de revisar os supostos ambientais para limitar a instalación de minicentrais dacordo á clasificación das masas de auga e ao seu estado ecolóxico, así como a modificación dos caudais mínimos, deberiase proceder con urxencia a revisar as concesións existentes e solicitadas.

Non menos importante é a modificación do procedemento administrativo das concesións para evitar o favoritismo, a especulación e a picaresca que mantén aínda hoxe unha espada de Damocles sobre ducias de cursos fluviais. Arestora nas bacías de Galiza Costa (competencia da Xunta) hai preto de 40 aproveitamentos outorgados que aínda non están en explotación, algúns deles co prazo de execución xa vencido. Estes aproveitamentos concedidos e pendentes de execución non foron afectados polo Decreto de suspensión, e poden portanto comezar a executarse en calquera momento. Eis o caso da minicentral da Hermida (Cuntis) no río Umia, adxudicado polo governo Fraga en funcións, e cuxas obras comezaron en marzo deste ano con grave perxuízo para o Umia e mesmo afectación a especies protexidas en perigo de extinción como o mexilón de río (Margaritifera margaritifera).
Dende ADEGA queremos denunciar tamén que unha prática moi estendida consiste en "iniciar" as obras (un par de paladas no río abonda) denantes dos dous anos para evitar a caducidade e non perder a concesión. Deste xeito a empresa xa pode "continuar" as obras en calquera momento (moitas non teñen capacidade real para facelo) ou negociar – especular – coa concesión.
ADEGA esixe da Xunta de Galiza que investigue o estado destas concesións con vistas á apertura dos pertinentes expedientes de caducidade e que poña en coñecemento da Fiscalía as práticas "fraudulentas" dalgunhas destas empresas.
Polo que respeita ás bacías (Miño-Sil, Limia e Támega) dependentes do Ministerio de Medio Ambiente, nos últimos meses téñense presentado unha morea de solicitudes de aproveitamento hidroeléctrico, incluindo proxectos tan delirantes como a central soterrada no canón do Sil, e de cuxa tramitación aínda non tivemos noticias malia a ter presentado alegacións. Algúns proxectos son "refritidos" doutros anteriores que contaban con informes ambientais caducados e que ignoran os recentes cambios na lexislación ambiental europea e estatal (Directiva Marco da Auga, Directiva de Hábitats, Lei de Avaliación Ambiental Estratéxica…)
Non é de recibo que debido á falla de compromiso das Confederacións Hidrográficas coa conservación dos nosos ríos (por veces actúan máis como organismos tramitadores de concesións) e á descoordenación entre Xunta e Ministerio, as empresas enerxéticas sigan tentando "colar" en Galiza ducias de proxectos aberrantes.
ADEGA esixe da Consellería de Medio Ambiente e do Ministerio unha mínima coordenación e rigor na xestión hidráulica, mandando ás empresas enerxéticas unha mensaxe moi clara:
non autorizar máis aproveitamentos hidroeléctricos nos ríos galegos. Alen disto, deberianse revisar polo miúdo os aproveitamentos xa concedidos con vistas a evitar a picaresca e iniciar os expedientes de caducidade.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: