Xurxo González repasa nesta segunda entrega os primeiros traballos, primeiro como actor, e a partir de 1931 e até hoxe, como director.
A verdade é que cen anos de vida dan para moito e Oliveira sóuboos aproveitar moi ben. Neste amplo abano vital acumulou moitas anécdotas e experiencias mais tamén foi testemuña de moitos feitos que marcaron a tumultuosa historia do século XX en Portugal. Non é estraño que toda esta bagaxe ocupe un fío fundamental que vai enleando, con cada vez maior protagonismo, parte da súa filmografía máis postremeira.
É moi complicado definir a figura de Oliveira. En liñas xerais pódese resumir que é un “artista da incerteza”, cun pensamento que bascula entre o conservador e a provocación. E este “fío da navalla” só se entende tendo en conta de que é un home de tres séculos; formouse cos xesuítas decimonónicos, participou da vangarda máis radical e fai gala, con profusión, da ironía posmoderna. Só con esta capacidade de equilibrio se entende de que fose quen de sobrevir, con enteireza, á inestabilidade gobernamental portuguesa: monarquía, república, ditadura, revolución e democracia.
A Guarda e Vigo
Manoel de Oliveira procede dunha familia adiñeirada que tiña negocios téxtiles no Porto mais con orixes no Minho, nas ribeiras do río Ave. Da súa infancia lembra a morte dun primo cos disparos do levantamento da república. Por causa desta violencia foise a estudar a Galiza, ao colexio dos xesuítas Num´Alvres que tiñan a súa sede en Camposancos, na Guarda. Unha vez alí, durante os seus catro anos de bacharelato, algunha vez que outra, chegou a Vigo da man dos Candeira (apelido famoso polo nome do paquebote de Manoel Antonio). Anos máis tarde volvería á cidade olívica, concretamente a Balaídos, a encontros internacionais de atletismo xa que el era posuidor do record de Portugal de salto de vara. Este grande desempeño físico tamén deu de si para que fose ximnasta, trapecista, nadador, remeiro, piloto de avións e de coches de carreiras.
Este gusto polo “ludus” hai que velo desde a óptica de que na súa xuventude foi unha persoa cunha privilexiada situación económica. Froito desta converxencia foi o seu deambular polo mundo da bohemia e dos teatros, un material que reincidiría nos seus filmes. E así foi como deu co cinema, primeiro como actor (Fátima Milagrosa, 1928 e A Canção de Lisboa, 1934), mais logo de acrecentar a súa cinefilia con revistas e libros deu paso á dirección, e isto ocorreu con Douro, Faina Fluvial, (1931).
Encarcerado pola PIDE
A partir de aquí a súa filmografía viviu estigmatizada pola incomprensión tanto de público como de crítica portuguesa polo que sempre tivo que por moito da súa parte para continuar a súa carreira cinematográfica. Como resultado disto atesourou unha chea de proxectos que non viron a luz, problemas coa censura, fixo curtametraxes para “non perder a man” ou moitos períodos de inactividade. Até que en 1954 decidiuse por facer cinema el só e para iso foi a Leverkusen (Alemaña) e asistiu a cursos sobre a película Agfa a cor, mercou cámaras e película e veu a Portugal facer filmes sen depender de ninguén.
Estas dificultades chegaron ao seu punto máis álxido cando foi encarcerado pola PIDE no ano 1963 por estar detrás dunha asociación clandestina que quería derrocar o réxime de Salazar. El desde mozo tivo grande amizade cos grandes intelectuais de Portugal encabezados por José Régio, persoeiro que sería a súa alma mater e a súa fonte máis relevante na súa formación intelectual. Mais se na ditadura foi tildado de “comunista” despois do 25 de Abril cambiaron as tornas e a revolución nacionalizou a maioría dos bens que tiña a familia quedando moi reducido as súas fontes financeiras.
Mais isto, por sorte, coincidiu co espertar internacional da súa carreira e, pouco a pouco, foi gañando un espazo no panorama mundial participando os seus filmes en festivais internacionais e sendo a súa obra froito de innumerábeis retrospectivas e homenaxes que deron a coñecer o nome de Oliveira nos catro puntos cardinais. Mais esta consideración viuse secundada coa súa etapa máis fértil na realización de filmes debido á facilidade de atopar financiamento a través de coproducións, sobre todo con Francia.