Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
O REALIZADOR CUMPRE 100 ANOS

O século de Manoel de Oliveira (I): o centenariazo!

Comezamos a publicación dunha serie de catro reportaxes sobre Manoel de Oliveira, que o xoves 11 de decembro celebra o seu aniversario.

Xurxo González Rodríguez - 11:00 09/12/2008

Ultimamente a sociedade na que vivimos, postmoderna ou saudosista -chámenma como consideren-, xa non é capaz de vivir sen botar a vista atrás, de conmemorar datas salientábeis, de celebrar fastos e onde as escusas son sempre válidas para por en práctica este revisionismo. No cinema o ano 2008 pasou a ser, con dereito propio, o de Manoel de Oliveira.

Durante este ano sucedéronse os actos e os recoñecementos a este insigne cineasta portugués, mais, en moitos dos casos, non se sabe se o motivo dos mesmos son por celebrar a súa extraordinaria dilatación biolóxica ou porque estamos diante do máis grande facedor de filmes coa carreira máis prolongada da Historia do Cinema. El mesmo, nunhas recentes declaracións comentou este paradoxo: "A xente coñéceme máis pola miña idade que polos meus filmes".

Cómpre, pois, dar por bo todo este rebumbio mediático entorno ao centenario de Manoel de Oliveira se grazas a el aos seus filmes se achegan novos espectadores coa mente aberta propensos a sintonizar abertamente coas súas propostas. Nas mesmas declaracións que antes, especificaba: "Eu son máis feliz cando os espectadores sacaron cousas positivas vendo os meus filmes". E é que Oliveira segue sendo ese grande cineasta descoñecido porque detrás da súa maneira de facer cinema hai un forte entrabado teórico que reta á pasividade á que están afeitos os espectadores de hoxendía.
Non é usual que un cineasta chegue aos cen anos e menos en total actividade.

O pasado 24 de novembro comezou en Lisboa a rodaxe en dixital do que vai ser o seu próximo filme: Singularidades duma Rapariga Loira, unha adaptación do relato homónimo de Eça de Queirós. Normalmente os estudios de cinema acostumaban a por unha data límite aos directores veteranos por aquilo dos seguros. Mais aínda así Oliveira non ten o record de ser o cineasta máis vello en dirixir un filme, este mérito o ten a celebérrima Leni Reinfensthal polo seu filme Underwater Impressions (2002) dirixido aos 103 anos, se ben era un montaxe en base de material de arquivo.

Unha figura aínda pendente de estudo
No tocante a data de nacemento de Manoel de Oliveira tamén existe unha lenda negra causada pola inexactitude que, desde moito tempo, persistiu da man do historiador do cinema francés George Sadoul quen sostiña, no seu Dicionario de cineastas, que o seu ano de nacemento era 1906. Esta presunción difundiuse indiscriminadamente ata que o festival de La Rochelle quixo facerlle unha homenaxe polo seu 80 aniversario. Xa daquela Oliveira incomodouse e amosou o seu malestar polo equívoco. Segundo aparece da súa acta de nacemento a data oficial é o 11 de decembro de 1908.

Como podemos ver neste exemplo, desde moi cedo, a historiografía e a crítica de cinema foi a culpábel de certa parcialidade á hora de estudar a figura e a obra de Manoel de Oliveira. A internacionalización de Manoel de Oliveira motivou certa síntese, motivando achegamentos transversais, nesgados e fragmentarios, dando a coñecer o máis salientábel da súa obra e deixando para a escuridade elementos contextualizadores tamén reveladores por complementarios.

Mais ate o de agora non houbo un achegamento completo sobre a obra de Manoel de Oliveira. A súa condición de inabarcábel arredou ao investigador máis valente. Dito isto non é de estrañar que haxa certo reparo polos propios espectadores de botarse atrás ante o visionado dun dos seus filmes. Esta pouca comuñón carrexoulle a Oliveira unha mala fama que foi crecendo co paso dos anos. Esta incomprensión parte do mesmo Portugal xa que, quitando a recepción de Aniki-Bóbó (1942), todos os seus filmes naufragaron no horizonte de expectativas do público portugués, converténdoo, inmerecidamente, no centro de burlas e brincadeiras.

Agora, con certa hipocrisía, Portugal desfaise en eloxios cara o seu cineasta máis famoso internacionalmente. Mais todo isto non é capaz de quitarme da cabeza que estamos ante unha conmemoración frustrada ou forzada. Porén, está claro que "non hai mal que por ben non veña" e Oliveira seguro que lle vai a sacar o máximo partido a este "centanariazo", sobre todo, na cuestión de asegurarse a posibilidade de atopar financiamento para seguir facendo máis filmes. Porque facer cinema para el, tal como o está a facer nesta semana en Lisboa, é o seu elixir de vida.


5/5 (14 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Manuel de Oliveira, bailando cos seus 99 anos

Oliveira, de neno
Oliveira, de neno
Oliveira coa súa clase
Oliveira coa súa clase
Oliveira, con 19 anos
Oliveira, con 19 anos
Fotograma de Aniki-Bóbó (1942)
Fotograma de Aniki-Bóbó (1942)