No 30 aniversario da mesma, a plataforma soberanista volverá saír á rúa para reclamar o dereito á autodeterminación. A cita terá lugar en Compostela.
A plataforma soberanista Causa Galiza volve convocar, por segundo ano consecutivo, a toda a cidadanía galega para participar nunha mobilización na que se amosará o rexeitamento á Constitución española e o apoio ao dereito de autodeterminación de Galiza.
Á manifestación -que comezará ás 13:30 horas na Praza do Toural, en Compostela-, están chamadas todas as persoas, colectivos, organizacións e forzas políticas do soberanismo de esquerdas de Galiza, e con ela preténdese visibilizar a forza do movemento pola autodeterminación.
"Privándonos de decidir que relación queremos ter co resto dos pobos"
Nun seu comunicado (en .pdf) -que será lido así termine a manifestación-, esta plataforma sinala que a Constitución española "significou a prohibición expresa do exercicio á soberanía nacional e do dereito de autodeterminación do pobo galego, privándonos da posibilidade de decidirmos cal é a relación que queremos manter co resto dos pobos. Esta limitación está na raíz das agresións que ao longo destes 30 anos sufriu Galiza e o seu pobo traballador". Nesta liña, falan dos "ataques" sufridos polos galegos neste tempo, como "os máis recentes do Prestige, o TAV, o porto Exterior da Coruña, a privatización dos servizos públicos, o plan acuícola, o plan eólico (...) a campaña polo "bilingüismo ou aplicación dunha política de despedimentos, destrución de emprego, conxelación salarial, incremento da xornada laboral e perda de poder adquisitivo que afecta á clase traballadora galega".