Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
Despois da manifestación do 6 de decembro

Citan sete membros de Causa Galiza por "lesionar" un antidisturbios

Están imputados por supostas agresións a un policía no momento de se concentraren ante a comisaría, en solidariedade cos detidos acusados de queimar imaxes do rei.

Redacción - 09:00 21/02/2008
Imaxe da manifestación do 6-D

Imaxe da manifestación do 6-D

Esta semana foron citadas para xuízo sete persoas pertencentes á plataforma Causa Galiza, por suposta agresión a un antidisturbios. Son Aurélio L., Roberto R., Salvador G., Davide B., Rute V., Constante V. e Joám P, todos eles ademais socios do C. S. A Revolta de Vigo.

Os sete participaron o pasado 6 de decembro na manifestación convocada pola plataforma Causa Galiza en Vigo, pola autodeterminación e contra a constitución española, despois da que foron detidos catro mozos, acusados de queimar unha efixie do rei español. En canto se soubo das detencións, organizouse unha concentración en solidariedade cos detidos, ás portas da comisaría de policía de Vigo, na Rúa López Mora. Naquela altura formouse un cordón policial arredor das persoas concentradas. Foi neste momento no que, segundo a denuncia emitida agora, estas sete persoas supostamente agrediron uns dos antidisturbios que formaban o cordón.

Tamén son acusados de tentar rachar o cordón policial para entrar no predio da policía, ao tempo que cortaban o tráfico e impedían a circulación entre a dependencia policial e a Rúa José Frau. O documento da citación tamén asegura que neste momento se produciu un lanzamento de pedras e obxectos contundentes que supostamente provocaría a lesión do denunciante.

Mais unha denuncia, sumada ás multas para os membros do colectivo Causa Galiza
Esta denuncia súmase ás multas de 600 euros impostas pola subdelegación do goberno español a cada un dos organizadores da manifestación de Causa Galiza do pasado 6 de decembro, por "non manter a orde" e "permitir" a queima da imaxe do monarca español.

Joám Peres, voceiro de Ceivar, contoulle a Vieiros que naquela concentración produciuse un forcexo, mais "unha cousa cativa" na que ninguén foi lesionado posto que ningún policía "marchou do cordón e ninguén foi detido". Por outro lado, Peres quixo salientar que, a pesares de encher a citación de texto, só denuncian "supostas lesións". Ademais lembra que as persoas acusadas non foron identificadas no momento, polo que o proceso de denuncia lle parece "un pouco selectivo".

"A lectura que nós facemos é que estes días toca campaña electoral, e despois do PP, vai o PSOE ao rabo deles con estes actos", salientou Joám Peres, lembrando que o protocolo habitual que a policía española segue nestes casos (nos casos de forcexo ou cando "dan leña") é denunciar penalmente a calquera dos manifestantes sobre os que se emprega, como desta volta, "a mínima forza imprescindíbel" antes de que estes, polo seu lado, denuncien ás forzas de seguridade.

O xuízo será a vindeira cuarta feira 27 de febreiro, ás 11:30 horas no Xulgado de Instrución nº 6 de Vigo, da rúa Lalín. Está convocada unha concentración de solidariedade ás 11:00 do mesmo día diante do edificio xudicial.


Ligazóns

4,75/5 (8 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: