Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Certame de opinión económica

"A refundación do capitalismo" ten premio

A retranca e profundidade analítica do artigo que baixo este título publicou Marcelino Fernández Mallo en Vieiros, premiada polo Colexio de Economistas.

Redacción - 20:15 03/12/2008

"Pois velaí témo-los líderes mundiais mans á obra para resolve-la gran crise do século XXI. Levan destinados centos de miles de millóns de euros e dólares para mercar activos, dar créditos, inxectar liquidez, formalizar avais e moitas outras ocorrencias xurdidas da febre decisional que lles provocou o estalido da burbulla que eles mesmos porfiaron en crear con encomiable empeño. Decisións tomaron moitas; a última, xa a coñecen: van refunda-lo capitalismo. E como o capitalismo se pode refundar así, cun choquelear dos dedos, pois axiña lle puxeron data á refundación: o 15 de novembro. Será emocionante: o 16 encetaremos unha nova orde mundial!"

Así o ironizaba o economista Marcelino Fernández Mallo no artigo titulado A refundación do capitalismo, publicado en Vieiros o pasado mes de outubro. A análise de Fernández Mallo acaba de recibir o segundo premio no certame de "artigos de opinión económica", organizado polo Colexio de Economistas da Coruña. O xurado elixiu como "Mellor artigo" o titulado Liquidez e solvencia, asinado por Fernando González Laxe, ex presidente da Xunta, nas páxinas do diario El País.

Marcelino Fernández Mallo é licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola UNED e MBA polo IMD, Escola de Negocios de Lausanne. Desenvolveu a meirande parte da súa carreira profesional no sector financeiro galego. Impartiu charlas e cursos en múltiples foros así como nas Universidades da Coruña, Santiago, Vigo e León. Tamén ten colaborado en xornais e revistas de distintos eidos. Publicou o ensaio "De la Peseta al Euro", o libro de relatos "Cabilia" e a novela "A Trenza" (2008).


5/5 (7 votos)