O oito por cento dos ingresos do libro destinaranse a 'Implicadas no Desenvolvemento'.
En 2005 publicou Cabilia, un libro de relatos ben recibido pola crítica. Con A trenza dá o salto á novela, cunha historia dura, que trata da fraxilidade da vida, e das situacións terríbeis das que nin os eficientes funcionarios poden fuxir nun momento dado. O libro ábrese co seu protagonista, Mario Quintela, na cadea de Teixeiro, agardando para ser entrevistado pola psicóloga da prisión. Na entrevista vanse coñecendo os detalles que levaron a Quintela a esa situación. En xeral, a novela, na que se mesturan outras historias, como a dun un home que gaña a vida traficando e unha azafata de congresos, ten unha intensa temática social.
O libro presentarase a partir das 20.30 horas na libraría Couceiro de Santiago de Compostela, e o autor estará acompañado por Xoán Antón Pérez Lema, secretario xeral de Relacións Institucionais da Xunta de Galicia, e por Lois Rodríguez, editor de Vieiros. Trátase da segunda obra en galego publicada pola editorial Ézaro, despois da tradución de A pel fría, do catalán Sánchez Piñón. Fernández Mallo decidiu que o oito por cento dos ingresos do libro vaian destinados á ONG Implicadas no Desenvolvemento.
Marcelino Fernández Mallo é economista e colabora en varios medios de comunicación, entre eles Vieiros. En xullo estreou na rede o primeiro capítulo da novela. Así mesmo, a novela conta cun blog para informar das novidades ligadas á súa promoción, e facilitar o contacto cos lectores.