Logo de que as eléctricas pedisen un incremento do 30%, o goberno español ultima un pacto a tres anos para dar resposta ao chamado "déficit de tarifa".
A un mes de que inicie o 2009 e co agravamento da crise petando na porta, chega a quenda para a actualización das nosas facturas. A da luz é xa un clásico a comezos de ano e o Ministerio de Industria está a negociar coas eléctricas o alcance do incremento tarifario que xa se dá por feito.
Hai cousa dun mes, a Comisión Nacional da Enerxía (CNE) falaba da necesidade de aumentar o prezo da electricidade un 31% a partir de xaneiro. Dende o Ministerio de Industria cualificouse a proposta de "non razoábel" e de "barbaridade". Con todo, as asociacións de consumidores amosáronse escépticas co cruce de declaracións e recordaron que neste ano as eléctricas xa conseguiron un aumento acumulado das tarifas de até o 11%. Así as cousas, o pacto semella estar próximo e diferentes xornais económicos estatais xa informan da inminencia dun acordo a tres anos coas eléctricas para dar resposta ao chamado déficit de tarifa (a diferencia entre os ingresos das compañías e os custes do sistema eléctrico). Este convenio contemplaría unha suba do 7% anual entre 2009 e 2012, un incremento medio que se aplicaría de xeito progresivo, en función do consumo.
Aforro enerxético
A idea é incentivar o aforro de enerxía, de xeito que para os usuarios con consumos baixos a suba estaría por baixo deste 7%, mentres que aqueles con consumos máis altos terían que pagar un incremento mesmo maior. Así sucedeu en xullo, cando se aplicou a última revisión tarifaria. O goberno decidiu daquela subir a luz un 5,6% (contra a proposta da CNE dunha alza do 11,3%) pero para algúns usuarios ese incremento chegou até o 15%.
Contrapartidas
A suba da luz, pois, semella non estar en cuestión. Outra cousa son as condicións deste acordo, no que as eléctricas tamén ofrecen as súas contrapartidas. As compañías propuxeron ao Ministerio de Industria substituír a actual tarifa social (beneficios na factura para usuarios cunha potencia contratada determinada) por un bono de importe fixo que se podería conceder ás rendas máis baixas. Sería un modelo semellante ao xa aplicado, por exemplo, en Gran Bretaña, onde se recoñecen unhas rebaixas concretas a usuarios con consumos mínimos e cuns ingresos determinados. Doutra banda, as eléctricas tamén propoñen reducir a fiscalidade da electricidade, de xeito que o IVE pase do 16% ao 7%.