Jerry Yang desexa voltar ao seu antigo posto como responsábel da web, despois dunha etapa caracterizada por ter rexeitado a oferta de compra de Microsoft.
O presidente e co-fundador de Yahoo!, Jerry Yang, anunciou que deixa o cargo. A súa renuncia farase efectiva tan pronto como o Consello de Administración da empresa lle atope un substituto. Yang asumira o cargo en xuño de 2007 coa intención de reflotar a empresa. Agora, desexa volver ao posto de xefe do portal de internet.
Nun comunicado, Yang di que é o momento de entregarlle o seu posto a un novo líder, despois de "colocar Yahoo! nun novo camiño, máis aberto". O agora presidente saínte sufriu presións durante a súa etapa á fronte da compañía, por ter rexeitado repetidamente as ofertas de adquisición por parte de Microsoft.
A compañía de Redmond, Washington (EUA) chegara a ofrecer 33 dólares por acción de Yahoo! Agora o seu prezo é de pouco máis de 10 dólares. A empresa encargoulle á consultora Heidrick & Struggles a procura de candidatos á presidencia, tanto dentro como fóra de Yahoo!