O buscador tenta eludir a compra iniciando un intercambio de publicidade co principal rival da compañía de Gates.
Despois de rexeitar unha vez máis a oferta de compra de Microsoft, Yahoo decidiu asociarse ao principal rival da empresa de Bill Gates, Google. Os dous principais buscadores do mundo anunciaron que probarán durante dúas semanas a compartir os seus espazos publicitarios. Nun principio, arredor dun 3% dos resultados das buscas de Yahoo terán anuncios de Google.
Os analistas interpretan o movemento como un novo xeito de frustrar a oferta de Microsoft ou de conseguir que aumente o seu valor. Entre tanto, o New York Times asegura que Microsoft e News Corp poderíanse unir na compra, combinando MySpace, Yahoo e MSN. E, por outra banda, Yahoo tamén está a contactar con AOL, de Time Warner, para fuxir das mans de Microsoft, segundo o Wall Street Journal.
Microsoft xa criticou o 'experimento' de Yahoo, afirmando que os acordos con Google deixarán nas súas mans máis do 90% da publicidade nas buscas na internet, o que vai en contra dos intereses dos consumidores. As accións de Yahoo subiron un 7% o seu valor.
Vídeo en Flickr
Paralelamente, Yahoo acaba de lanzar un novo servizo na súa web de fotografías, Flickr. Agora xa é posíbel engadir vídeos, ademais de imaxes. Polo de agora, esta posibilidade está limitada aos usuarios de pago, e os vídeos non poden pasar do minuto e medio de duración. A esta característica haille que sumar o aumento da capacidade de almacenamento de Flickr, agora de 20 megas por imaxe para usuarios de pago e de 10 megas para os de balde.