O Bantegal asumiu os trámites de cesión de 837 parcelas, unhas cifras que superan as expectativas de Medio Rural.
O aluguer de propiedades agrarias vai por bo camiño. Así se deduce das palabras do conselleiro de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, quen fixo un bo balance do seus primeiros doce meses de funcionamento: o Banco de Terras de Galiza (Bantegal) comezou os trámites de cesión de 837 propiedades agrícolas das 7.012 inscritas. Estes datos superan os previstos pola consellaría, que confiaba en acadar as 500 cesións neste primeiro ano.
As estatísticas depárannos o rexistro de tres mil hectáreas distribuídas en máis de 120 concellos con vocación agrogandeira. Ademais, os arrendatarios das terras que se atopan en trámite de cesión demandaron unha superficie media dunha hectárea, o que supera a parcela media galega, de 2.300 metros cadrados. Suárez Canal subliñou que das 837 propiedades en trámites de cesión, unhas 500 dirixiranse a mellorar a superficie agraria útil (SAU) dos gandeiros, co que se agarda que no prazo de cinco anos se poidan recuperar todas as terras susceptíbeis de ser cultivábeis.
Máis áreas de actuación
O titular de Medio Rural tamén adiantou que o seu departamento prevé aprobar a creación doutras 16 zonas de especial interese agrario (ZEIA), que se sumarán ás 21 xa existentes. Así ampliarase a base de territorios valorados pola súa alta produtividade, facéndoos coincidir coas comarcas que concentran a maior actividade agrogandeira de Galiza. Con este mecanismo poderase contribuír á ampliación da superficie das explotacións, o que beneficiará especialmente ás lácteas e ás produtoras de carne de vacún, xa que permitirá dispoñer de máis pastos para alimentar ás reses e reducir a dependencia de pensos e forraxe.
Doutra banda, tamén engadiu que, unha vez cumprido este primeiro ano de funcionamento, Medio Rural poderá actuar sobre aquelas zonas de interese agrario onde haxa demanda de terra apta para o cultivo mentres outros propietarios manteñen abandonadas as súas terras. Anunciou que comezará o estudo destas actuacións, mais non cunha intención coercitiva, senón tentando que a lei "funcione como un estímulo".
Finalmente, o conselleiro destacou a colaboración das universidades de Santiago de Compostela (USC) e da Coruña (UDC), encargados do deseño do programa de xestión Sitegal, co que se pode ter acceso a máis de 12 millóns de leiras rexistradas no catastro por internet.