Os participantes na convocatoria apoiada pola "Mesa contra el Libertinaje Lingüístico" foron identificados pola policía.
Baixo o lema "En Galicia en castellano", a Mesa contra el Libertinaje Lingüístico (MCLL), Sei o que nos figestes... e Tan gallego como el gazpacho convocaron este domingo á tarde na Coruña nunha manifestación á que estaban chamadas "boas españolas (que se vistan pola cabeza) e bos españois (que se vistan polos pés)". A mobilización ridiculista coincidiu, "casualmente", con outra convocada por varias agrupacións que se opoñen, basicamente, á normalización do galego apoiándose na "liberdade" e no "bilingüismo".
As imaxes do evento, que se poden ver na web de Sei o que nos figestes..., ilustran o percorrido da marcha até o Obelisco coruñés, onde nun primeiro momento chegaron a ser aplaudidos polos participantes da outra concentración. Despois, viviuse un momento de tensión que rematou coa chegada de varios policías, que identificaron os membros da manifestación da MCLL. Toda a acción, marcadamente festiva, concluíu cun brinde de españolísimo gazpacho en cartón.