Washington e Nova Deli cooperarán neste eido, malia que o goberno indio segue sen asinar o Tratado de Non Proliferación.
Os comunistas indios, entre outros, criticaron tamén o acordo
O goberno de Irán anunciou a súa intención de impugnar o acordo entre os Estados Unidos e a India sobre cooperación en materia nuclear, aprobado a cuarta feira pasada polo Congreso estadounidense, ao considerar que viola abertamente o Tratado de Non Proliferación Nuclear (NPT, nas súas siglas en inglés).
Mohammed Saidi, subdirector da Organización iraniana para a Enerxía Atómica, lembrou este domingo que a India non é un país signatario do NPT -tratado que o pasado 1 de xullo cumpriu 40 anos-, polo que "non ten dereito a se beneficiar dos seus privilexios". Neste senso, criticou que EUA "non pasa a mesma rapa no eido nuclear".
O traspaso de tecnoloxías nucleares aos países que seguen sen se adherir ao NPT "elimina as diferenzas entre membros e non membros deste acordo, e pon en perigo a autoridade e a integridade deste Tratado", declarou Saidi. Tamén Paquistán criticou a semana pasada o anuncio de cooperación entre India e EUA, e pediu igualdade de tratamento co seu país.
Presións de Washington
O pasado 6 de setembro, o Grupo de Provedores Nucleares (NSG, nas siglas en inglés) que integra a 45 estados -entre estes o español e o portugués- levantou as sancións que impedían o subministro de uranio, reactores e tecnoloxías nucleares a Nova Deli. Washington foi o principal valedor desta decisión, que puxo fin a 34 anos de illamento internacional da India en materia de enerxía atómica.
O goberno indio, porén, resístese a asinar o NPT xa que o considera "discriminatorio". EUA cre que a reputación de India en materia de non proliferación é irreprochábel, especialmente, despois de que acordou coa Organización Internacional da Enerxía Atómica (IAEA, nas súas siglas en inglés) as garantías de seguridade en relación cos materiais radioactivos.
Pola súa banda, Irán si que é membro do NPT mais EUA e outros países aliados -que posúen a bomba atómica- acúsano de querer desenvolver armamento nuclear. Teherán rexeita as acusacións e asegura que o fin último é enerxético e non militar.