Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
aniversario do bombardeo de Iroshima e Nagasaki

O recordo da primeira bomba atómica cando aínda quedan 30 mil cabezas nucleares no planeta

"Lembrar esta traxedia cada ano ha valer para lembrar a ameaza que aínda hoxe supoñen as armas nucleares", din desde Greenpeace. O 6 de agosto de 1965 o exército dos EUA tirou unha bomba nuclear no centro de Iroshima que matou 200 mil persoas.

Redacción - 12:30 06/08/2008

Este mércores fanse 63 anos do lanzamento da bomba nuclear sobre a cidade de xaponesa de Iroshima por parte do exército estadounidense. A bomba de uranio enriquecido estalou cunha forza semellante a 12.500 toneladas de explosivos altamente destrutivos. A cidade quedou reducida a cascallos e morreron arredor de 200.000 persoas. Porén, e a pesares das consecuencias deste experimento nuclear, tres días despois o nove de agosto tiraron un segundo explosivo sobre a cidade de Nagasaki. Novamente morreron case 100.000 persoas.

Á parte dos efectos inmediatos destas bombas, pronto comezaron a agromar alteracións na saúde dos superviventes -síndrome aguda de radiación, mazaduras, diarreas, perda total ou parcial do cabelo, diminución dos glóbulos brancos, cansazo xeneralizado... Aínda hoxe moitos deses superviventes continúan a padecer os síntomas das explosións, con graves afeccións como anemia, leucemia e tumores malignos, á parte de graves trastornos psíquicos na meirande parte dos casos.

Eses bombardeos non tiñan utilidade militar ningunha e foron dirixidas á poboación civil, polo que, á parte de seren experimentos de enorme crueldade, eran totalmente contrarios ao Dereito Internacional Humanitario (DIH). O seu obxectivo era amosar ao mundo que viña da saír da II Guerra Mundial, a superioridade política e militar dos Estados Unidos. Mabel González, responsábel da campaña de desarme de Greenpeace subliñou que "lembrar esta traxedia cada ano ha valer para lembrar a ameaza que aínda hoxe supoñen as armas nucleares. (...) case 30.000 cabezas nucleares continúan en activo e poderían ser empregadas en calquera momento".

A meirande parte destas armas fica en mans de dos cinco países membros do Consello de Seguridade da ONU (EUA, Francia, Reino Unidos, Rusia e China), á parte da India, o Paquistán e máis Israel. O elevado valor simbólico que conceden ao patrimonio nuclear fai que medre a súa proliferación: como estes países rexeitan cumprir cos seus compromisos internacionais e camiñar cara o desarme nuclear, outros tentan facerse con elas para non ficar en inferioridade de condicións. O resultado é un mundo moito máis perigoso.

O risco desta proliferación dáse no Oriente Medio. Hoxe, a realidade atómica de Israel e as aspiracións iranianas de desenvolver un programa nuclear xeraron unha onda expansiva no mundo árabe, de xeito que Exipto, Xordania, Marrocos, Libia, Arxelia, Arabia Saudí e os Emiratos Árabes Unidos, entre outros, queren desenvolver programas atómicos de seu.

Greenpeace fundouse en 1971 co obxectivo de acadar un mundo libre das ameazas do armamento e da enerxía nuclear. A organización ecoloxista apoia no Estado español o traballo de Alcaldes pola Paz, e promove a extensión desta rede. As localidades que pertencen a esta rede decláranse libres de armamento nuclear. Até o 1 de agosto, 2.368 municipios de 131 países formaban parte da rede, 110 no conxunto do Estado.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: