Catro décadas despois de se abrir a adhesións, un grupo selecto de países mantén o seu arsenal e impide o acceso -con interesadas excepcións- ao resto.
Esta martes cumpríronse corenta anos do Tratado de Non Proliferación Nuclear (NPT, nas súas siglas en inglés). Aberto a adhesións o 1 de xullo de 1968 e en vigor dende o 5 de marzo de 1970, 189 estados ratificárono dende aquelas.
Os asinantes comprometéronse a non se dotaren da bomba atómica. En troques, garánteselles un uso pacífico da enerxía nuclear. Porén, un grupo selecto de cinco países mantén o seu arsenal porque xa posuían a bomba antes de se aprobar o NPT: Estados Unidos, Rusia, Reino Unido, China e Francia.
Catro décadas despois, o país norteamericano é a principal potencia nuclear. Diferentes voces en todo o mundo consideran que EUA debería dar exemplo e desmantelar o seu arsenal para lle dar lexitimidade ao NPT, xa que o obxectivo último deste é a total desaparición deste tipo de armas.
Por outra banda, os expertos critican que o tratado crease un mundo a dúas velocidades, entre os que son privados de dereitos nucleares e os que os ostentan. "As armas nucleares son perigosas, independentemente de quen sexa o seu propietario", advirte Daryl Kimball, director de Arms Control Association.
Outros países renunciaron a ratificar o tratado NPT. India e Paquistán, oficialmente, e Israel, oficiosamente, desenvolveron programas nucleares. Corea do Norte saíu do tratado en 2003 para, tres anos despois, realizar o seu primeiro ensaio atómico e, finalmente, hai poucos días, comezar a desmantelalo.
Non se pasa a rapa por igual
Ademais, as potencias occidentais acusan a Irán, asinante do NPT, de perseguir a bomba atómica baixo a tapadeira dun plan enerxético civil. E, recentemente, Israel bombardeou un complexo industrial que, afirmaban, tiña fins atómicos.
Pola contra, os expertos denuncian a tendencia de Estados Unidos a conceder excepcións aos seus aliados, principalmente India. "O NPT non está condenado ao fracaso. Mais para que sobreviva a este século, os estados deben renovar e reforzar as súas disposicións e aplicalas. E rapidamente", sinala Kimball.