Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
Outro pau á ría

Sen licenza e a pé da enseada de San Simón o Porto de Vigo inicia unha ampliación ilegal

No mesmo lugar onde hai tempo xa se tentara construír unha fábrica de cemento, o Porto pretende agora formigonar e facer un recheo para contedores.

Redacción - 17:30 03/10/2008
A Ponte de Rande e a enseada de San Simón / Flickr: lanair

A Ponte de Rande e a enseada de San Simón / Flickr: lanair

A mobilización cidadá conseguiu no seu momento paralizar a intención dunha empresa asturiana, con beizón oficial, de chantar unha fábrica de cemento no mesmo estreito de Rande, nun recanto de privilexio a pé da enseada de San Simón que no pasado fora utilizado para embarcar mineral. Paralizado aquel proxecto, non sen pouco esforzo, chega agora a noticia dunha nova ameaza para o lugar en forma de proxecto da Autoridade Portuaria de Vigo.

O Porto iniciou as obras para o vertido de formigón nos predios en cuestión e proxecta nunha segunda fase realizar un recheo. O obxectivo é converter a zona nunha nova área de almacenaxe de contedores que complemente as que a institución xa xestiona, creando outra zona de atraque para os buques que transportan estes bloques. "É unha sinrazón total", láiase Antonio Lores, da Plataforma en Defensa da Enseada de San Simón, advertindo dos problemas que terá a creación no contorno de Rande dun área dun milleiro de metros en liña de atraque, con guindastres e a infraestrutura similar á que por exemplo existe en Guixar.

O proxecto botouse adiante sen exposición pública e a Plataforma A Ría non se Vende xa esixiu a paralización das obras. Desde o Concello de Redondela admiten que non conta con licenza de ningún tipo e por riba, segue pendente o Plan de Usos do porto vigués, no que debería estar baseado calquera tipo de plan especial da Autoridade, requiríndose ademais o consenso coas autoridades urbanísticas dos municipios afectados.

Desde a Plataforma, Tiago Pérez ve na teima do Porto un novo episodio do proceso de "artificialización" permitido na ría, outra vez no contorno dun área cualificada como Rede Natura e critica que a Autoridade Portuaria se atribúa unha suposta preocupación ambiental. Ao respecto, os colectivos denuncian a inacción da Consellaría de Medio Ambiente e do Ministerio de Medio Ambiente. Lembran que esta última institución xa foi responsábel no seu momento da "aberración ambiental do recheo de Bouzas", obra que, subliñan, foi feita sen estudo de impacto ambiental, "como practicamente todas as da Autoridade Portuaria".


5/5 (11 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: