Os socios decidiron a última hora non participar nunha protesta acordada cos tres sindicatos agrarios perante a Consellaría de Medio Rural.
Un novo episodio ven de sumarse á loita dos gandeiros por acadar un prezo xusto para o seu leite e, se cadra, un dos máis inverosímiles e singulares. Até a Consellaría de Medio Rural desprazáronse en autobús na mañá deste xoves unha representación dos produtores de Indega, vidos dende Silleda, en protesta pola exixencia de Leite Río de mercarlle o leite de forma individual e non á cooperativa. O obxectivo era o de manifestárense para pedirlle novamente ao conselleiro unha mediación que impida que os gandeiros se vexan obrigados a tirar a súa produción ante a imposibilidade de venda. Así o acordaran as tres forzas sindicais do sector: Unións Agrarias, Xóvenes Agricultores e Sindicato Labrego Galego.
Porén, a sorpresa foi maiúscula cando o presidente da cooperativa, Xosé Rei, anuncia que ten prevista unha xuntanza para a tarde cos responsábeis de Medio Rural para avanzar nun "principio de acordo": a Consellaría mediará para que Xesús Lence recolla o leite aos 225 produtores de Silleda individualmente, pero sen anular a súa relación coa cooperativa. Media hora de discusións, deliberacións e debates despois, os cooperativistas decidiron anular a protesta, unha decisión que secundou o Sindicato Labrego Galego.
Pola súa parte, Unións Agrarias e Xóvenes Agricultores cualificaron esta decisión de "chantaxe aos gandeiros" e acusaron a Medio Rural de permitir á Río "desfacerse da cooperativa". Enfadados, tentaron acceder ás dependencias da Xunta exixindo unha xuntanza con Suárez Canal e que este comprometese unha "solución política" ao entender que se está tratando de "rematar co cooperativismo". Á escena non lle faltou nin a Policía Nacional, que dispuxo 15 axentes para impedir o acceso dos manifestantes ao recinto administrativo. Logo dos seus intentos frustrados, Xabier López (voceiro de UUAA) optou por chamar telefonicamente ao director xeral de Calidade Agroalimentaria, Antonio Oca, para forzar un encontro. A chamada permitiu arbitrar unha conversa de cinco minutos ás portas da Xunta que non contentou a ninguén: "Medio Rural está a mentir", di López, "o remedio que ofrecen hoxe para a cooperativa de Silleda é a mesma que ofrecían onte". Mentres, Medio Rural, segue a asegurar que a chave non está nas súas mans, xa que non pode influír na liberdade de mercado. Os sindicatos pregúntanse agora "¿como é que hoxe vale a mesma resposta que onte non era a solución?"