Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Para denunciar "importacións masivas"

Os gandeiros volven baleirar botellas de leite francés en Lalín

Representantes dos sindicatos Unións Agrarias, Xóvenes Agricultores e Sindicato Labrego Galego protagonizaron un "acto simbólico" ante a sede dun supermercado.

Redacción / EP - 18:00 29/09/2008
Imaxe da protesta da pasada semana, en Outeiro de Rei, onde se deitaron 25 mil litros de leite portugués

Imaxe da protesta da pasada semana, en Outeiro de Rei, onde se deitaron 25 mil litros de leite portugués

Representantes dos tres sindicatos agrarios, Unións Agrarias (UUAA), Xóvenes Agricultores (XXAA) e Sindicato Labrego Galego (SLG) deitaron esta segunda feira "tres ou catro" botellas de leite francés e deitaron o contido de varias botellas ante un supermercado da cadea Día en Lalín (Deza), para denunciar as importacións de materia prima das industrias lácteas francesas, e a súa posterior distribución.

Delegados dos tres sindicatos solicitaron a colaboración da opinión pública na súa causa, lembrando que a "adquisición masiva de leite foráneo" prodúcese xusto cando se anuncia unha baixada do prezo que cobra o gandeiro pola súa materia prima, e despois de que varias empresas leiteiras confirmasen que van deixar de recoller a produción dalgunhas cooperativas lácteas galegas.

Unidade sindical no conflito do leite
O secretario xeral de XXAA, Francisco Bello cualificou de "acto simbólico" a iniciativa esta segunda feira en Lalín, e enmarcouna na campaña comezada a pasada semana en Castro de Rei (onde se deitaron 25 mil de litros de leite portugués) dicindo que "non vai terminar aquí". Bello quixo explicar que "non estamos contra as importacións", mais matizou que, ao seu ver, a adquisición de leite foráneo ten que se realizar "en igualdade de condicións".

Pola parte de UUAA falou con Europa Press o seu voceiro, Román Santalla, quen dixo que "os tres sindicatos e o sector estamos unidos para denunciar estas operacións comerciais". Polo seu lado, o responsábel de Sectores Gandeiros do SLG, Xabier Gómez Santiso, atribuíu á "incompetencia dos xerentes" das industrias lácteas a caída dos prezos do leite: "importaron demasiado, din que non son capaces de vendelo e por iso deixan de recoller o dos gandeiros" do país, explicou.

Xuntanzas dentro do sector
Esta terza feira os tres sindicatos hanse xuntar con responsábeis da cooperativa láctea Indega (a segunda máis importante da provincia de Pontevedra) en Silleda, para debater o último anuncio feito pola empresa Leite Río, que revelaba que non ha recoller máis leite a este sociedade dende o primeiro de outubro. A este respecto, Gómez Santiso (SLG) acusou ao propietario e administrador único de Río, Jesús Lence, de ser un dos principais responsábeis de "destruír" o sector lácteo galego, ao tempo que revelaba que Río xa comunicou a mesma decisión a outras tres cooperativas.

Os tres sindicatos hanse volver reunir a vindeira cuarta feira en Asturias con delegados desta Comunidade, para estender os seus actos de protesta non só a Galiza, senón á Cornixa Cantábrica e, posteriormente, ao resto do Estado.


1/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Os representantes dos tres sindicatos esta segunda feira en Lalín / Imaxe: Unións Agrarias
Os representantes dos tres sindicatos esta segunda feira en Lalín / Imaxe: Unións Agrarias
No momento de deitar o leite no chan, diante da superficie comercial de Dia / Imaxe: Unións Agrarias
No momento de deitar o leite no chan, diante da superficie comercial de Dia / Imaxe: Unións Agrarias
Os gandeiros deitando cartóns de leite, noutra protesta fronte a Lactogal (Pontedeume), en marzo deste ano / Imaxe: SLG
Os gandeiros deitando cartóns de leite, noutra protesta fronte a Lactogal (Pontedeume), en marzo deste ano / Imaxe: SLG