O PSD vai pedir que se revise, cada certo tempo, a constitucionalidade do texto autonómico dunha das rexións do Portugal exterior.
Na tarde da quinta feira a Assembleia da República portuguesa aprobou, por unanimidade, o Estatuto da rexión autónoma dos Azores, a pesar de haber diverxencias entre os partidos en canto a un dos seus artigos, o 114º, relativo á disolución da Assembleia Legislativa Regional.
No seu momento, PSD e PCP alegaron que a redacción deste artigo era inconstitucional, por obrigar o presidente da República a ouvir os órganos rexionais (Governo Regional e Assembleia Legislativa) no caso de que se disolvese a Assembleia Legislativa Regional (cómpre sinalar que esta Assembleia é elixida por sufraxio universal directo, e ten poderes fundamentalmente lexislativos; ademais, debe fiscalizar os actos do Goberno Rexional e do seu presidente figura que, polo seu lado, é elixida por un Representante da República Portuguesa, tendo en conta os resultados electorais). Mais agora, ámbolos dous partidos votaron a favor, por considerar o conxunto do texto globalmente positivo.
Mais, a pesar da aprobación, o líder da bancada socialdemócrata no Parlamento, Paulo Rangel, anunciou que o seu partido vai pedir a un seguimento e a sucesiva fiscalización da constitucionalidade do Estatuto da rexión dos Azores.
As voltas que deu o Estatuto dos Azores
A primeira versión do Estatuto dos Azores foi vetada despois de que o Tribunal Constitucional considerase que o texto contiña oito normas inconstitucionais. Alén das normas consideradas inconstitucionais, o presidente da República, Cavaco Silva criticou outras, entre elas o artigo 114º, afirmando que constituían "restrições ao exercício dos poderes por parte do Presidente da República que não constam da Constituição".
O pasado día 10 de setembro, o grupo parlamentario do PS revelou que ía corrixir no Estatuto dos Azores as normas declaradas inconstitucionais polo Tribunal Constitucional, e aínda aquelas que destacara o presidente da República. Días despois, Cavaco Silva reiteraba as súas preocupacións (que xa manifestara nunha comunicación dirixida ao pobo portugués o pasado 31 de xullo) sobre a inconstitucionalidade do Estatuto Político Administrativo dos Azores, e advertía que podería recorrer ao veto político.