O Presidente da República denuncia a inconstitucionalidade do texto. O PS anuncia que acatará a recomendación, mais non os socialistas azorianos.
Na terza feira o Tribunal Constitucional de Portugal rexeitou o Estatuto Político-Administrativo da Rexión Autónoma dos Azores após considerar inconstitucionais oito dos artigos que o compoñen. O presidente da República, Aníbal Cavaco Silva, solicitara a revisión do texto en basae á posíbel inconstitucionalidade de trece aspectos da norma, dos que foron aceptados cinco.
Porén, Cavaco Silva esixiu este xoves á noite, dirixíndose aos cidadáns a través dunha intervención televisada, que a Asemblea da República rexeite igualmente os outros cinco aspectos que el considera inaceptábeis. Cavaco Silva critica especialmente aqueles puntos que, di, supoñen un recurte dos poderes do propio Presidente da República; en concreto fixo especial fincapé no artigo que lle impón ao Xefe do Estado a obriga de realizar certas consultas e audicións antes de poder disolver a Asemblea Rexional dos Azores.
Reaccións ás palabras de Cavaco Silva
A intervención televisada do Presidente da República provocou reaccións inmediatas en todos os partidos. O PSD anunciou, como era esperábel, o seu apoio ao Xefe de Estado e a súa vontade de modificar na Asemblea os elementos solicitados por Cavaco Silva. Mentres, Bloco de Esquerdas e Partido Comunista pronunciáronse de xeito moi semellante, declarando que estas eran "cuastións subsidiarias", e avogando por que o estatuto dos Azores se aprobe do xeito máis rápido posíbel.
A batalla política podería estabelecerse entre Cavaco Silva e o Partido Socialista, maioritario no Parlamento, encabezado polo Primeiro Ministro José Sócrates. O PS é tamén maioritario nos Azores é foi o principal impulsor do novo Estatuto para o arquipélago. Porén, á vista das primeiras declaracións, pode que o debate teña que dirimirse unicamente no interior do propio partido gobernante. Así, mentres que os círculos políticos máis próximos a Sócrates manifestaron a súa vontade de acatar as recomendacións do Xefe do Estado, os líderes socialistas azorianos acusaron a Cavaco de "centralista". Por exemplo, Alberto Martins, líder parlamentar do PS nacional, prometeu apreciar "devidamente, como sempre, as deliberações do Tribunal Constitucional e as palavras e considerações do Presidente da República".
Pola contra, Vasco Cordeiro, dirigente do PS dos Azores, anunciou que ""reconfirmaremos, na íntegra, todas as normas sobre as quais não exista um juízo de inconstitucionalidade" e denunciou que na súa intervención, Cavaco amosou a súa visión "centralista e redutora das autonomias regionais". E Carlos César, presidente do goberno rexional dos Azores, cualificou a intervención do Xefe do Estado de "um pouco confusa" e "desproporcionada".
Oito artigos xa incostitucionais
Entre os artigos que o martes foron ditaminados como "non conformes á Constitución Portuguesa" estaban os relativos á declaración de estado de sitio e de emerxencia, que obrigarían ao presidente da República a ouvir ao goberno e á asemblea rexional, os que se refiren á organización das forzas de seguridade, aos dereitos, liberdades e garantías, á regulación da comunicación social, á lei de encadramento orzamentario e ao réxime de utilización do dominio público.