Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Lusofonía

Xestionado por Vieiros
RSS de Lusofonía
Após considerar inconstitucionais 8 artigos

O Tribunal Constitucional portugués paraliza o Estatuto dos Azores

A Assembleia da República tiña xa aprobado a terceira revisión do texto, mais o presidente, Cavaco Silva, enviouno ao TC para a súa "fiscalización preventiva".

Redacción - 11:15 30/07/2008
Escudo das Azores, no que se pode ler "Antes morrer livres que em paz sujeitos"

Escudo das Azores, no que se pode ler "Antes morrer livres que em paz sujeitos"

O Tribunal Constitucional de Portugal rexeitou, esta terza feira, o Estatuto Político-Administrativo da Rexión Autónoma dos Azores após considerar inconstitucionais oito dos artigos que o compoñen.

O texto chegou ao TC, despois de ser aprobada a súa terceira revisión pola Assembleia da República, por unha petición do presidente da República, Aníbal Cavaco Silva, que desexaba se fixese unha "fiscalización preventiva da súa constitucionalidade". Dos 13 artigos que destacara Cavaco Silva para a sua revisión, só cinco foron consideradas "conformes á Constitución Portuguesa".

Os oito artigos da discordia
Os xuíces do TC consideraron que os artigos do Estatuto dos Azores, relativos á declaración de estado de sitio e de emerxencia, que obrigan ao presidente da República a ouvir ao goberno e á asemblea rexional, violan a Carta Magna portuguesa. Tamén o fan, segundo o alto tribunal, aqueles artigos que se refiren á organización das forzas de seguridade, aos dereitos, liberdades e garantías, á regulación da comunicación social (medios de comunicación), á lei de encadramento orzamentario e ao réxime de utilización do dominio público.

Considerouse, igualmente, fóra da Constitución, a posibilidade de que unha revisión do Estatuto Político-Administrativo puidese ser aprobada só por dous terzos dos deputados do Parlamento Rexional.

Após esta decisión do TC, Cavaco Silva vai vetar o Estatuto dos Azores, devolvendo o texto á Assembleia da República para que se lle faga unha outra revisión.

A Rexión Autónoma dos Azores

As illas dos Azores foron constituídas en Rexión Autónoma administrativa en 1895. Até 1976 non chegaría a autonomía política. A condición de Rexión Autónoma compártena coa Madeira, debido ás súas condicións xeográficas (e, en consecuencia, socioeconómicas) especiais.

Nos termos da Constitución Portuguesa, a autonomía rexional non afecta a integridade da soberanía do Estado. As rexións autónomas lexislan en todas as materias que estean especificadas nos seus Estatutos Político-Administrativos (as relacionadas con áreas como a promoción do desenvolvemento económico e da calidade de vida, a defensa do medio e do patrimonio e a organización da administración rexional), sempre que non preocupen á soberanía portuguesa.

Os órganos de goberno propio de cada rexión son a Asemblea Lexislativa e a o Goberno Rexional. A primeira é elixida por sufraxio universal directo, e ten poderes fundamentalmente lexislativos, alén de fiscalizar os actos do Goberno Rexional. Polo seu lado, o presidente do Goberno Rexional é elixido por un Representante da República (un representante do xefe do Estado portugués en cada unha das rexións autónomas), pero sempre considerando os resultados electorais. O presidente é quen organiza internamente o Goberno Rexional, o órgano executivo, e quen propón os seus membros.

Dende novembro de 1996, o presidente dos Azores é Carlos Manuel Martins do Vale César, Carlos César, do PS-Açores.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: