"O meu comentario irreflexivo foi unha resposta ao chauvinismo rexional que ameaza agora a unidade de España", afirma.
O filósofo George Steiner pediulle "desculpas" ao Pen Clube de Galicia polas súas declaracións despectivas sobre o galego, que cualifica de "comentario irreflexivo". Os seus comentarios foron obxecto de críticas dende todos os sectores da sociedade, e o Pen Clube esixiulle unha desculpa.
Nunha breve mensaxe enviada ao xornalista de El País Juan Cruz, autor da entrevista, que este á súa vez remitiu ao Pen Clube, Steiner sinala que como demostra no seu libro Despois de Babel é un "apaixonado defensor das linguas e das literaturas minoritarias".
"O meu comentario irreflexivo foi unha resposta ao chauvinismo rexional que ameaza agora a unidade de España. Pido as miñas máis sinceras desculpas", conclúe Steiner.