Os técnicos do Ministero de Facenda alertan ademais de que o Estado Español conta cunha economía somerxida que representa o 23% do PIB.
Galiza é unha das comunidades nas que se rexistra unha maior porcentaxe de traballadores que non chegan ou non superan o salario mensual de 1.100 euros brutos. Así se desprende do último estudo da Axencia Tributaria, uns datos que corresponden ao ano 2006 e que, por mor da alza dos prezos, se pon agora de actualidade. O listado está liderado por Extremadura, onde case o 70% dos asalariados percibe un salario mensual inferior aos 1.100 euros. Séguelle Murcia, cun 67% de mileuristas sobre o total, e Andalucía, co 64%. Despois, Galicia e Castela a Mancha rexistran un 61% de traballadores que non superan a ansiada cifra de salario mensual. De entre as comunidades que perciben salarios máis altos, estarían Madrid (onde os mileuristas serían o 48%) Aragón (49%) e Cataluña (50%), se ben hai que ter en conta que carecemos dos datos de Euskadi e Navarra, xa que non computan na facenda estatal.
No conxunto do Estado, case 11 millóns de traballadores están por baixo dese salario, o que supón o 58% do total. A estas cifras, debemos sumar a dos case oito millóns de pensionistas, que teñen unha paga que tampouco chega até os 1.000 euros.
Economía somerxida
A estas cifras temos que sumarlle as dos cartos que foxen do aparello administrativo de Facenda. Segundo datos dos técnicos de facenda (Gestha), a economía somerxida representa o 23% do PIB do Estado Español. Esta cifra está moi lonxe da media europea, cunhas bolsas de fraude que están preto do 6%.
Ademais, este colectivo vén de denunciar que preto do 86% das fortunas españolas cun patrimonio superior aos 10 millóns de euros elude as súas obrigas fiscais ao non declarar o Imposto sobre o Patrimonio. Así, nove de cada dez fortunas españolas evade o fisco, o que explica que o Estado Español acapare a cuarta parte dos billetes de 500 euros da zona euro.