Touriño, acompañado polo conselleiro de Economía, sinalou este luns en conferencia de prensa que "ninguén pode pensar" que Galiza "poida ser unha illa" allea á crise.
O presidente do Goberno, Emilio Pérez Touriño, anunciou este luns que a previsión de crecemento económico para o noso país en 2008 vai ser revisada á baixa unha vez se coñeza o 15 de setembro o dato definitivo do PIB no segundo trimestre.
Touriño, que estivo acompañado polo conselleiro de Economía, Xosé Ramón Fernández Antonio, durante o anuncio ante os medios, asumiu que a economía non vai medrar o 2,8% previsto. "Ninguén pode pensar" que Galiza "poida ser unha illa" allea á crise da Zona Euro e dos principais países comunitarios, dixo o presidente.
Porén, o xefe do Executivo manifestou a súa esperanza de que a economía do país poida continuar "cun comportamento diferencial en positivo" respecto á media do Estado e mais da UE. Fernández Antonio, pola súa banda, dixo que a revisión de outono se aproveitará para avanzar a previsión de crecemento económico para o vindeiro exercicio, no marco da elaboración dos presupostos.
Investimento produtivo e programas sociais
Ante esta perspectiva negativa, o presidente da Xunta afirmou que en 2009 haberá que darlle prioridade ao gasto en dous apartados que "en Galiza están claros". Isto é, "fortalecer o investimento produtivo para gañar competitividade e produtividade" e "apoiar" os programas sociais: Educación, Sanidade e Servizos Sociais, todo iso con "criterios de eficiencia e eficacia".
Ademais, valorou de xeito positivo as medidas de reactivación económica aprobadas en xaneiro e subliñou que estas están a presentar "un alto grao de cumprimento", así como a ter "un notábel efecto dinamizador" e a amortecer "os problemas económicos".