Continuará incumprindo o Plano de Normalización, que prevé cada ano a dobraxe de dez filmes con espectativas comerciais.
Disque falou o mercado: o galego non ten cabida nas dobraxes das estreas de cine e nos DVD. E a Xunta recoñécese incapaz de mudar esa situación. A Secretaría Xeral de Política Lingüística admitiu, nunha resposta a unha pregunta parlamentaria do BNG, que considera "inviábel" asumir o custe da dobraxe de filmes ao galego e que optará por potenciar "a medio prazo" a lingua en internet e noutras plataformas de contidos que entende más rendíbeis.
Esta decisión supón, alén de calquera outra consideración, un incumprimento do Plan de Normalización Lingüística, que que prevé a dobraxe ao galego cada ano de dez filmes con espectativas comerciais. No 2007, segundo Política Lingüística axudouse á dobraxe de Doraemon e o dinosauro pequeno, O neno de barro, Hotel Tívoli, Nocturna, Donkey Xote e Unha muller invisíbel. No 2008, na web do departamento que recolle os filmes dispoñíbeis na nosa lingua, só aparece Doraemon Animal Planet.
Reábrese deste xeito o combate dialéctico que manteñen Bieito Lobeira e Marisol López dende o comezo da lexislatura. En concreto, o pasado 13 de xuño na Comisión sobre Educación e Cultura Bieito Lobeira preguntáralle á secretaria xeral sobre o apoio do Goberno á dobraxe ao galego de filmes para a súa estrea nas salas comerciais. Xa daquela, o deputado nacionalista puxera como exemplo de boa xestión o acordo ao que chegara a Generalitat de Cataluña para a estrea en catalán do último filme de Indiana Jones.
Daquela, e agora, Marisol López bota balóns fóra, amparándose na "crise xeral" pola que atravesan as salas de cinema como desculpa para a falta de apoio da Xunta á dobraxe ao galego: "as salas de cinema xa non son o seguro ámbito de acceso e prestixio que outrora eran", e o incerto futuro do DVD: "o DVD doméstico é unha liña a curto-medio prazo". Bieito Lobeira criticou a resposta da Secretaría Xeral e lembrou que, aínda que estean a perder público, "as salas de cine seguen a ser un bo escenario para dignificar o idioma". Así mesmo, engadiu que, "se as películas se estrean en galego, será tamén máis fácil atopalas despois en galego en calquera outro formato".