Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
BIENAL DE SAO PAULO

O libro galego instálase no Brasil

A Asociación de Editores leva un expositor de seu a unha das feiras máis importantes do mundo.

Redacción - 13:45 18/08/2008

A Bienal de Sao Paulo é un dos espazos de proxección do libro máis importantes de cantos se celebran no mundo. En América, a súa importancia comercial e pública so é comparábel coa das feiras de Bos Aires, Guadalaxara e La Habana, eventos aos que supera no seu volume de intercambios comerciais. Na súa edición 2008, que comezou o 14 de agosto e que permanecerá aberta até o día 24, Galiza estará presente cun stand propio, organizado pola Asociación Galega de Editores (AGE), en colaboración coa Consellaría de Cultura e Deporte.

No expositor preséntanse obras de editoriais como Nova Galicia Edicións, A Nosa Terra-Promocións Culturais Galegas, Ir Indo Edicións, Netbiblo, Edicións Espiral Maior, Edicións Laiovento, Edicións Positivas, Edicións Xerais de Galicia, Editorial Galaxia, Linteo Ediciones e OQO Editora, ademais do material de promoción destas e doutras editoras como Edicións Tambre, Editorial Toxosoutos, Nigra Trea, Everest Galicia, Baía Edicións, Editorial Tris Tram, Edicións do Cumio, Rodeira-Edebé e Ideaspropias Editorial.

A delegación galega ten programada unha intensa axenda de cara a establecer futuras colaboracións tanto na promoción coma na venda de dereitos do libro. Está previsto que os profesionais galegos se reúnan con representantes da Associação Nacional de Livrarias do Brasil e con Shalom J. Luiz Goldfarb, do Programa de Bibliotecas de São Paulo. Así mesmo, Xelasio Suárez, xerente de Ir Indo e coordinador da comisión de axudas da AGE, impartirá a conferencia "A normalización lingüística e a evolución do sector editorial galego". Presentará o acto, que terá lugar hoxe a modo de sesión inaugural, Leopoldo Canizo, lector de galego da Universidade de São Paulo.


4,2/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: